Na programación destacan como actividades centrais o Folión de Carros que se celebra o 24 de agosto desde as 23:00h. A cita, Festa de Interese Turístico Galego, tamén declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no 2018, está organizada pola Asociación Amigos do Folión coa colaboración do Concello de Chantada. Ademais destacan outras propostas xa consolidadas, o Certame de Bandas de música de Chantada que este ano chega á súa XXXIII edición ou a Festa da Empanada na xornada na que rematan as Festas Patronais de Chantada.
Nestas dúas primeiras xornadas, o xoves e o venres, as propostas musicais están pensadas para atraer á mocidade. Así o 22 de agosto desde as 23:00h actuarán na Praza de Catro Camiños, Los Fabulosos Weekend e Nàcaruh. Os primeiros son un conxunto músico‐vocal que conta con nomes de artistas de sona en Galicia como Chema Ríos, Alfonso Espiño, Gonzalo Sende ou o popular actor e cantante Manuel Manquiña; ademais de ter na batería a un veciño de Chantada, Jimmy Faílde. Los Fabulosos Weekend ofrecen versións de temas de rock clásico e outros temas propios, destacando polo seu enérxico directo. Tamén o directo de Nácaruh fará vibrar aos asistentes. A formación vinculada á Casa da Música de Chantada, xa que o presidente, Pablo Dafonte, é o vocalista, compóñena tamén outros músicos locais cunha importante traxectoria en bandas do panorama galego. Nàcaruh móvese no pop rock e en Chantada presentarán as súas primeiras cancións.
Se o rock protagoniza a xornada do día 22, o 23 de agosto será tempo de celebrar o Festival de DJ´s. A partir das 23:00h na Praza do Pavillón daranse cita artistas como Dumore, Carlos López ou Marcos Magán. O primeiro é un dos dj de moda en España que se caracteriza polo seu estilo transgresor. E veñen dispostos a facer bailar aos asistentes o estradense, Carlos López e o tamén locutor de radio, Marcos Magán; dous dj,s de renome no panorama galego.
“Levamos varios anos organizando este Festival e dámoslle continuidade porque funciona moi ben. Os artistas que nos acompañarán son coñecidos neste mundo pola súa calidade con actuacións que nos farán mover ata ben entrada a noite”, destaca o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez, que convida a veciños e visitantes a desfrutar destes días de festa en Chantada.