HomeEn profundidadeSilvia Martínez: “Barvantia naceu para mellorar a experiencia de ‘vanlifers’ que fan...

Silvia Martínez: “Barvantia naceu para mellorar a experiencia de ‘vanlifers’ que fan o Camiño de Santiago”

Coñecemos o proxecto emprendedor desta quiroguesa que viu nicho de mercado axudando a organizar viaxes e mellorando a experiencia de autocaravanistas e campers que peregrinan a Santiago.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Silvia Martínez é unha galega nacida en Quiroga, con residencia actual en Ribas de Sil, que pasa a maior parte do seu tempo percorrendo Galicia na súa furgoneta camper, explorando as diferentes etapas do Camiño de Santiago.

Recoñece que a súa inquedanza por viaxar chegoulle na etapa universitaria, cando a raíz dun curso de astronomía na universidade embarcouse nun Erasmus que a levou a Alemaña. Ía para un ano e quedou tres, tempo no que acentuou o seu interese por coñecer mundo e xentes, aproveitando tamén para aprender o alemán, lingua que domina xunto ao inglés.

Está formada no ámbito da economía e o marketing e dende o ano 2021 é unha emprendedora máis en Galicia grazas ao seu proxecto Barvantia.

Como e cando nace Barvantia?

Barvantia naceu en 2021, durante o Ano Xacobeo, como resposta á falta de opcións organizadas para quen desexa realizar o Camiño de Santiago en autocaravana ou furgoneta camper. A idea xurdiu da miña propia experiencia buscando alternativas para realizar o Camiño co meu can e a miña furgoneta.

Con que obxectivos?

O obxectivo principal de Barvantia é ofrecer unha experiencia organizada e personalizada para os “vanlifers”, facendo do Camiño de Santiago un percorrido máis accesible e cómodo para quen viaxa no seu propio vehículo, sexa unha autocaravana, unha camper ou calquera tipo de vivenda sobre rodas. Dedicámonos a simplificar o Camiño para quen elixe esta forma de viaxar, ofrecendo solucións específicas para aqueles que viaxan cos seus cans ou cos seus nenos, asegurando que todos os membros da familia, tanto humanos como peludos, gocen plenamente da aventura.

“O obxectivo principal de Barvantia é ofrecer unha experiencia organizada e personalizada para os “vanlifers”

Outro dos nosos obxectivos é atraer este tipo de turismo a atraccións turísticas que antes non recibían a estes visitantes. Organizamos actividades especialmente deseñadas para nós, entendendo que non temos as mesmas necesidades que un turista convencional, e así crear experiencias máis enriquecedoras e adaptadas ao noso estilo de viaxe.

O ámbito de actuación de Barvantia son os Camiños de Santiago ou vaise máis alá?

O foco principal é o Camiño de Santiago, pero tamén estamos a expandir as nosas actividades cara outras rutas e experiencias de viaxe en Galicia, así como noutras rexións que son populares entre os viaxeiros en autocaravana. Queremos ofrecer aos nosos clientes a oportunidade de explorar novos destinos coa mesma comodidade e organización que lles proporcionamos no Camiño de Santiago, adaptándonos sempre ás súas necesidades e preferencias.

Caravanistas chegados a Santiago. Foto: Barvantia.

Estás soa neste proxecto?

Estou soa pero conto cunha rede de colaboradores e empresas coas que traballo estreitamente, o que fai posible levar a cabo Barvantia. Estou moi contenta de ter elixido rodearme dos mellores, xa que o seu profesionalismo e confianza desde o primeiro día foron fundamentais para o éxito e crecemento deste proxecto.

Como está funcionando Barvantia estes anos? Contenta coa evolución?

Estou moi contenta coa súa evolución. Medramos de forma significativa, e a resposta dos clientes foi moi positiva. Cada ano máis persoas confían en nós para organizar a súa viaxe en autocaravana polo Camiño de Santiago. Aínda que polo de agora é unha forma de viaxar relativamente nova, moitas persoas descoñecen que esta opción existe. Con todo, estamos a traballar para dala a coñecer, e vemos un gran potencial de crecemento a medida que máis viaxeiros descobren as vantaxes e liberdades que ofrece esta modalidade de viaxe.

“Cada ano máis persoas confían en nós para organizar a súa viaxe en autocaravana polo Camiño de Santiago”

A pandemia fixo aumentar o turismo de autocaravanas e campers. Mantense á alza esta opción?

Si, a pandemia impulsou significativamente o interese polas viaxes en vehículos vivenda, xa que ofrecen unha forma segura e autónoma de explorar o mundo. Esta tendencia non só se mantivo, senón que segue en crecemento, con cada vez máis persoas optando por esta opción para as súas vacacións. Ademais, o aluguer de autocaravanas tamén experimentou un notable aumento, e todo indica que esta tendencia continuará á alza, especialmente se comparamos con outros países de Europa, onde o caravaning xa é unha opción de viaxe ben establecida e moi popular.

Como chega a ti a clientela?

Un pouco de todo. Moito polo boca a boca e tamén grazas ao traballo que fago dende as redes sociais Facebook, Instagram e Tik Tok. A través delas dou a coñecer a posibilidade de facer o Camiño a Santiago en autocaravana ou camper, opción que estou descubrindo que pouca xente se plantexaba.

Este ano organizastes algunha actividade pola comarca de Quiroga. Cóntanos.

Si, este ano organizamos unha actividade xeoturística en colaboración coa asociación Furgo Galicia no Xeoparque Montañas do Courel, abranguendo os tres concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso. Durante a fin de semana, cada día estivo dedicado a explorar un territorio diferente dentro da comarca. Participaron unhas 80 persoas, con máis de 40 autocaravanas e campers, que non só visitaron a zona, senón que tamén participaron en actividades e obradoiros centrados no entorno natural e cultural.

“este ano organizamos unha actividade xeoturística en colaboración coa asociación Furgo Galicia no Xeoparque Montañas do Courel, abranguendo os tres concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso”

Ademais, organizamos un mercado local, o que permitiu aos asistentes coñecer e apoiar os produtos da rexión. A actividade foi moi ben valorada polo público, e teño constancia de que moitas persoas regresaron á zona despois do evento, o cal era un dos nosos principais obxectivos, xunto con dar a coñecer e poñer en valor o noso territorio.

Participantes da ‘Actividade Xeoturística’ no anfiteatro da Praia Fluvial de San Clodio. Foto: Silvia Martínez.

Que é o que máis demandan e agradecen os caravanistas?

O que máis agradecen os nosos clientes é a organización e a personalización do servizo. Gústalles ter rutas ben planificadas, recomendacións locais, e a posibilidade de viaxar coas súas mascotas ou nenos sen complicacións.

Caravanistas participando nunha acción de Barvantia. Foto: Silvia Martínez.

Está preparada a comarca, e a Ribeira Sacra, para dar servizo a este perfil de visitantes ou hai marxe de mellora?

A Ribeira Sacra está no bo camiño, pero aínda hai marxe de mellora. Sería ideal contar con máis infraestruturas específicas para autocaravanas, como áreas de estacionamento e servizos adecuados, para atraer a máis visitantes.

Que plans contemplas para outono-inverno?

Nós continuamos organizando Camiños de Santiago durante o outono e inverno, aínda que non sexa tempada alta. A vantaxe do noso enfoque é que podemos facelo en calquera momento do ano, xa que non precisamos tanta infraestrutura como outros peregrinos. Actualmente, estamos organizando Camiños en grupo, o cal tivo unha excelente acollida; de feito, temos grupos programados ata finais de ano. Ademais, estamos a planificar algunhas actividades adicionais para autocaravanistas, aínda que polo de agora non temos datas oficiais. Seguimos innovando e adaptándonos ás necesidades dos nosos viaxeiros en calquera época do ano.

Algunha anécdota ou curiosidade nestes anos de actividade?

Nun dos grupos que organizamos, houbo un can que, en pouco tempo, se converteu nunha especie de gardián familiar para todos. Era incrible como, ao camiñar xuntos, este can podía recoñecer a cada membro do grupo como parte da súa “familia”. Se alguén quedaba atrás, el detíñase, agardábaos ou incluso volvía para asegurarse de que non se quedasen rezagados. Era como se entendese que todos eramos parte do mesmo equipo, e que a súa misión era manternos unidos. O Camiño ten esa maxia de crear lazos profundos entre as persoas desde o primeiro momento, e ata os animais percíbeno e súmanse a esa experiencia única.

Silvia Martínez. Foto: Barvantia.

ÚLTIMAS

A Oficina de Turismo de Chantada obtén as certificacións de “Q  Calidade Turística” e “S Sostibilidade Turística”

O ICTES, Instituto para a calidade turística española e a sostibilidade vén de conceder...

Transporte adxudica obras de mellora en tramos da N-120 e da N-540

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible adxudicou por 13.690.415,53 euros, IVE incluído, un...

Obras na LU-P-4103, en Ferreira de Pantón

A Deputación Provincial de Lugo informa de que ata finais de decembro, a circulación...

‘Castelao’, obra teatral de Culturactiva Produccións, en Quiroga

Culturactiva Produccións presenta este mércores 3 de decembro a obra “Castelao”. Esta actividade está...