O deputado da comarca visitou esta semana o CEIP Poeta Uxío Novoneyra para falar coa comunidade educativa e comprobar de primeira man o mal o estado do desvío alternativo á LU-651, a estrada que une os dous núcleos de poboación principais do concello, Folgoso e Seoane, que se derrubou por causa dunha canteira de lousa no lugar en marzo de 2022. Desde entón, destaca, o Goberno galego promete cada certo tempo o seu arranxo “mais a situación segue exactamente igual”.
Iago Suárez xa levou ao Pleno do Parlamento esta situación no pasado mes de xuño, a través dunha pregunta á conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que na súa resposta asegurou entón que o obxectivo era restabelecer o tráfico da LU-651 antes do inicio do curso e “ter toda a obra rematada para o outono”. A situación actual demostra que “o desleixo e o desprezo á poboación do Courel parecen non ter límites”, considera Suárez.
Considera que se chegou a un punto “esperpéntico”, xa que hai uns días o bus escolar pinchou un dos seus pneumáticos, algo “nada sorprendente dado o estado do desvío polo que ten que pasar”, asegura Suárez. O pinchazo do bus provocou que as cerca de 30 crianzas que usan o transporte escolar tivesen que ir a pé até o colexio.
Con estes antecendente o BNG volverá presentar no Parlamento iniciativas para reclamar que se axilicen as obras e se garanta a seguridade no transporte escolar dos nenos e nenas do Courel e da poboación en xeral.
Iago Suárez estrada Courel / BNG