HomesociedadeSuspéndense as clases no Courel pola perigosidade das estradas e do desvío...

Suspéndense as clases no Courel pola perigosidade das estradas e do desvío alternativo nun día de temporal

Este mércores suspendéronse as clases no concello de Folgoso do Courel por mor da adversa climatoloxía, despois da oposición das familias a que os seus fillos circulen polo desvío provisional habilitado pola Xunta.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Desde a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra trasladan a súa preocupación polas circunstancias extremas que vive no día de hoxe. As intensas chuvias que afectan concello están incrementando a perigosidade do desvío habilitado entre Seoane e o colexio, o cal xa presentaba graves problemas de seguridade en días normais.

As familias da parte norte do Courel, as que dependen deste desvío para levar aos seus fillos e fillas ao colexio, tomaron a decisión de non arriscarse e deixar aos menores na casa para evitar o percorrido. A situación meteorolóxica deste mércores deixou o desvío (que ten firme de formigón, seixos rodados e pendentes que chegan ao 30%) especialmente esvaradío e perigoso. “É totalmente inaceptable que sexamos as familias as que teñamos que optar por estas medidas de precaución ante a falta de actuación das autoridades competentes”, aseguran.

En solidariedade co resto, tamén as familias que non dependen do desvío optaron por deixar aos nenos na casa. “Consideramos que a situación de hoxe constitúe, na práctica, unha folga “de facto” debido á perigosidade do desvío, á inseguridade que supón transitalo baixo estas condicións meteorolóxicas e á indiferenza da administración para tomar medidas ao respecto”, sinalan.

Lembran que as Consellerías de Educación e Mobilidade son plenamente conscientes dos perigos que presenta este desvío. Este mércores os pais e nais do CPI Poeta Uxío Novoneyra recibiron unha comunicación oficial do centro educativo anunciando a suspensión das clases, pero a maioría das familias xa tiñan decidido non expoñer aos menores a esta situación de risco.

Dende a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra, solicitan ás Consellerías de Educación e Mobilidade que lles dean unha solución urxente a este problema, “máis tendo en conta que a promesa de abrir o tráfico de novo na LU-651 a partir do venres, 11 de outubro, non se vai cumplir, tal como xa supoñíamos cando empezou o corte hai máis de dous meses”. Lembran tamén que a Consellería de Mobilidade aínda non tivo a cortesía de responder á petición dun vehículo con tracción ás catro rodas para que faga de lanzadeira entre Seoane e o Colexio.

“A administración ten a obriga de adoptar inmediatamente as medidas necesarias para asegurar que todas as alumnas e alumnos poidan asistir ao colexio en condicións de seguridade, independentemente do tempo que faga. A Xunta e as Consellerías implicadas non poden esquecer que somos un concello de montaña, cunhas características especiais, que fan máis relevantes as situacións extremas. Os nosos pequenos teñen dereito á educación, en igualdade de condicións, e as administracións deben velar por eses dereitos, se queremos un futuro para concellos de montaña coma o noso. Por unha educación segura para as nosas fillas e fillos”, conclúen.

ÚLTIMAS

Traballo colectivo da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next para a súa posta en funcionamento

Os encontros desenvólvense os venres pola tarde coa presenza dun máximo de 20 empresas,...

O BNG de Monforte leva a pleno un punto de información turística na Compañía

Explican os nacionalistas que o tramo da rúa Doutor Casares máis próximo ao centro...

Mario Obrero presenta o libro ‘Con e de curcuspín’ este 26 de maio na Pobra do Brollón

Con e de curcuspín é un ensaio no que a reflexión lingüístico-literaria mestúrase coa...

Un ferido nun accidente de tráfico na LU-109 en Monforte de Lemos

Un condutor resultou ferido este sábado en Monforte de Lemos ao impactar contra unha árbore o...