HomeMovementos sociaisDeclaración institucional do Concello de Monforte co gallo do 'Día Internacional da...

Declaración institucional do Concello de Monforte co gallo do ‘Día Internacional da Muller Rural’

O Equipo de Goberno súmase, deste xeito, ao recoñecemento internacional do labor da muller no ámbito rural que se vén facendo cada 15 de outubro.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

En reunión do pasado luns 7 de outubro, a Xunta de Goberno Local do Concello de Monforte aprobou a seguinte Declaración institucional, co gallo do Día Internacional das Mulleres Rurais, que se conmemora o martes 15 de outubro:

O día 15 de outubro foi elixido por Nacións Unidas para recoñecer e valorar o incansable labor no plano Internacional das mulleres no ámbito rural. O Concello de Monforte reafirma por iso o seu compromiso coa promoción da igualdade e o recoñecemento á dedicación e traballo realizado polas mulleres rurais. Empoderar ás mulleres rurais é un ingrediente fundamental na loita pola igualdade. A pesar dos avances, continúan vixente os roles e estereotipos de xénero que relegan ademais ás mulleres rurais ao ámbito doméstico e familiar.

As mulleres rurais representan unha cuarta parte da poboación mundial, traballan como agricultoras, asalariadas e empresarias. Labran a terra e plantan as sementes que alimentan nacións enteiras e son piar fundamental na xestión dos nosos recursos naturais, fortalecendo a economía das nosas comunidades e preservando o medio ambiente. Foron e son esenciais para a supervivencia, prosperidade e fixación da poboación no ámbito rural, sendo estratéxicas na implantación de iniciativas innovadoras en distintos sectores económicos e especialmente, na agricultura sostible, vital para as economías locais. Ademais, garanten a seguridade alimentaria das súas poboacións e axudan a preparar ás súas comunidades fronte ao cambio climático.

Con todo, a pesar do seu rol crucial, aínda son maioría as mulleres rurais que se enfrontan a importantes desafíos en termos de acceso a servizos esenciais, educación, atención sanitaria e oportunidades económicas, afrontando diariamente problemas como o acceso limitado a recursos, situacións de discriminación de xénero e unha maior carga de traballo non remunerado. A falta de representación adecuada nos espazos de toma de decisións segue sendo unha barreira estrutural significativa que limita o seu potencial.

Mundialmente, con poucas excepcións, todos os indicadores de xénero e desenvolvemento mostran que as mulleres rurais atópanse en peores condicións que os homes do campo e que as mulleres urbanas.

Por todo iso, desde a Xunta de Goberno Local do Concello de Monforte comprometémonos a desenvolver as seguintes liñas de actuación:

  1. Promover políticas que faciliten o acceso en igualdade a recursos e servizos para as mulleres rurais, asegurando a súa participación en pé de igualdade na vida económica.
  2. Estimular o equilibrio nos usos do tempo entre as mulleres e homes: son as mulleres rurais as que máis tempo dedican ás tarefas de coidados familiares e domésticos.
  3. Realizar iniciativas de emprendemento e apoiar as que fomenten a educación e formación profesional das mulleres no ámbito rural, garantindo que poidan liderar e beneficiarse de innovacións na agricultura e outros sectores rurais.
  4. Debéndose garantir desde a Administración Pública os servizos de atención sanitaria, educación e protección contra a violencia de xénero, comprometémonos a colaborar con organizacións non gubernamentais e o sector privado, para dar voz ás necesidades específicas das mulleres rurais nestes servizos.
  5. Promocionar programas de capacitación que permitan o acceso ás novas tecnoloxías, así como, facilitar as ferramentas e o apoio á información e á formación que facilite a participación no mundo dixital das mulleres no mundo rural.

Así mesmo, recoñecemos que o empoderamento da muller no ámbito rural non só é unha cuestión de xustiza social e equidade, senón un requisito indispensable para o desenvolvemento sostible. Só xuntos podemos asegurar que as voces das mulleres rurais sexan escoitadas e que os seus dereitos sexan plenamente recoñecidos e respectados.

O Concello de Monforte, apoia o liderado e a participación das mulleres rurais á hora de deseñar leis, estratexias, políticas e programas en todos os temas que afectan as súas vidas.

Neste día especial, o Concello de Monforte quere recoñecer o papel desempeñado polas mulleres rurais na nosa sociedade. A súa fortaleza, determinación e traballo continúan alimentando, cultivando e enriquecendo as nosas comunidades. Comprometémonos a apoialas hoxe e sempre”.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...