HomeDeportesPreséntase o proxecto definitivo da Piscina Municipal de Monforte

Preséntase o proxecto definitivo da Piscina Municipal de Monforte

Na Xunta de Goberno de Monforte celebrada o 21 de outubro, o alcalde, José Tomé Roca, informou da aprobación deste proxecto que foi adxudicado a Construcciones Castro, por un importe de 2.025.720,52€ euros. Neste importe inclúese tanto a elaboración do proxecto e a execución da obra.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A renovación total da Piscina municipal conta cun investimento de 2.047.009,42 €, participado polo Consello Superior de Deportes que concedeu unha subvención ó Concello para este fin de 644.882,94€, o que representa o 31,5% do investimento; a Deputación Provincial de Lugo, que aporta, a través dun convenio co Concello, 600.000€, o que supón o 29,3%; e o Concello, que aporta 802.126,48€, o que representa o 39,2%.

Dentro do orzamento as partidas que supoñen un maior investimento son as destinadas á climatización (358.567,44€), revestimentos exteriores (163.224,53€), electricidade, iluminación e telecomunicacións (113.335,75€) e albanelaría (107.017,38€).

O alcalde destaca que a obra de mellora da Piscina Municipal é unha actuación moi necesaria que vai a dar servicio tanto ó club de natación do municipio, coma ós 1.883 usuarios habituais (1396 abonados e 487 participantes en cursos de natación) cos que actualmente conta esta piscina. Logo da reforma, salienta José Tomé, “os monfortinos e monfortinas contarán cunha piscina moderna, segura, eficiente, sostible e en estado óptimo de utilización”.

As obras deron comezo a principios de outubro, co acondicionamento do espazo, e teñen que estar rematadas en setembro de 2025 “porque é o prazo que temos para xustificar as 2 subvencións, a do Consello de Superior de Deportes e a da Deputación Provincial de Lugo, aínda que na realidade estarán rematadas antes do verán”.

PIARES BÁSICOS DE ACTUACIÓN

Dado o carácter extraordinario da licitación, co obxectivo de cumprir os parámetros das axudas e subvenciones concedidas, son claves no proxecto a mellora da eficiencia enerxética, a inclusión e a sustentabilidade.

  • Modernización: O deseño será novidoso e atemporal para dar unha nova imaxe ao edificio, e acorde co deseño do novo Pavillón Polideportivo.
  • Dotación deportiva: aumentaranse os espazos auxiliares para mellorar a súa dotación especializada e a experiencia do usuario.
  • Dotación para os espectadores: Mellorarán os espazos destinados ós espectadores tanto as bancadas, como a cafetería.
  • Eficiencia: Mellorarase a eficiencia enerxética, tanto a nivel da envolvente térmica do edificio como das instalacións.
  • Accesibilidade: Favorecerase a inclusión coa dotación de espazos reservados e servizos para persoas con mobilidade reducida.
  • Comunicacións e zonas adicionais: Terase en conta a relación entre os demais edificios deportivos da contorna, expandindo as zonas de relación e a comunicación interna de todos os edificios deste complexo deportivo.

As actuacións interiores irán destinadas a devolver a funcionalidade ás instalacións e a amplialas, para dar servizo á crecente demanda por parte dos usuarios.

A zona do vaso de piscina manterase como está actualmente,  ó atoparse, segundo os informes técnicos, en bo estado.

O groso da intervención de mellora céntrase nos espazos que dan servizo á propia piscina. A entrada desprázase cara á esquina onde confluirá co Pavillón polideportivo, para crear un gran vestíbulo de acceso común a ambos espazos, piscina, e polideportivo.

Interior Piscina Monforte

Este cambio mellorará notablemente a funcionalidade da instalación ó posibilitar ter o control de acceso previo para ambas infraestruturas e proporcionaremos a visitantes e usuarios unha zona agradable e de esparcimento, previa á entrada ó complexo deportivo. Ademais, dotaremos este novo espazo de chan radiante para que nos meses de frío, se poida estar nel con total comodidade.

A reorganización de espazos que se realizará no conxunto do edificio, reordenando a zona de acceso, facendo máis eficientes os percorridos, eliminando as escaleiras que había para subir á cafetería e ampliando os espazos en xeral, dotará ó edificio dun itinerario accesible ata cada unha das estancias, permitindo a autonomía de calquera persoa que acceda ó mesmo.

A eliminación da entreplanta permite aumentar a superficie de vestiarios baixo ela, e crear un acceso ós vestiarios de grupos e á grada independiente. A cafetería que dará servizo tanto á Piscina como ó Pavillón polideportivo, con vistas directas ós vasos, e saída directa ás bancadas reformadas. A cafetería terá acceso independente desde o hall principal e podería permanecer en funcionamento cando a piscina se atope pechada, dando servizo ó Polideportivo.

Na planta baixa situarase a recepción e tras esta, dous vestiarios para grupos e un vestiario de persoal, ademais dun despacho para administración. O ximnasio desprazarase á zona sur, ampliando a súa superficie e mellorando a súa funcionalidade.

En canto á zona de gradas, amplíase o seu aforo, co obxectivo de mellorar a experiencia dos espectadores durante os eventos deportivos. Ademais, haberá un novo acceso ás bancadas mediante un corredor que conectará directamente co hall principal do complexo polideportivo.

Exteriormente, o edificio revestirase cunha “nova pel” a través dun zócalo pétreo que alcanzará a altura das ventás. A mellora da fachada levarase a cabo mediante un Sistema de Illamento Térmico Exterior, o que se coñece como SATE, o cal consiste na aplicación dun illamento térmico apoiado nun soporte principal (neste caso na súa gran maioría cerramento existente) e finalízase cunha capa armada de morteiro e acabado.

Esta nova fachada caracterizarase polas súas formas redondeadas e curvas, que actualizarán a imaxe do edificio en consonancia coa estética do Pavillón polideportivo que vimos de reformar, para acadar unha imaxe homoxénea de todo o conxunto.

“Con esta actuación externa perseguimos un dobre obxectivo: dar resposta ás necesidades concretas do espazo deportivo e a súa contorna, e converterse nunha nova icona da cidade, cun toque de deseño e modernidade, pero dunha maneira sinxela e elegante” destacou José Tomé.

“Estes máis de 2 millóns de euros, engadidos os 3,7 millóns de euros que investimos no novo pavillón polideportivo, supoñen unha inversión de practicamente 6 millóns de euros grazas ó cal este conxunto polideportivo da Pinguela será un referente a nivel de equipamento e instalacións deportivas, cunha imaxe atractiva e contemporánea, á disposición dos veciños, veciñas e deportistas que seguro a converterán, xunto co pavillón, nun conxunto de referencia para a comarca de Terra de Lemos, na provincia de Lugo e en toda Galicia, comparándoo con concellos de similares características ó de Monforte”, destaca Tomé.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...