HomeOpiniónO representante do Bóveda Slam Poetry levou o galego ao campionato estatal

O representante do Bóveda Slam Poetry levou o galego ao campionato estatal

A cidade de Santander acolleu o XIII Campionato de Poetry Slam España os días 17, 18 e 19 de outubro. Representando ao Bóveda Slam Poetry estivo Simón Rodríguez, "Galego de Caracas", que non puido chegar á final pero fixo un gran papel nas semifinais.

Publicado o

POR
Xosé Casar (Piteira)
- Advertisement -

Bóveda Slam Poetry participou no XIII Campionato de Poetry Slam España coa excelente intervención de Galego de Caracas. Fíxoo cunha peza na que a nosa lingua, o galego, tivo relevante protagonismo. O público obsequiou a Simón Rodríguez, nome auténtico do poeta, cunha impresionante ovación deixando patente o agrado co que acolleu a interpretación do seu poema. Galego de Caracas participou na primeira das dúas semifinais do certame, mais non acadou a clasificación para a final malia a súa inmellorable interpretación. Ficamos moi orgullosos da súa representación e da pegada que Galego de Caracas deixou no campionato.

Dende Bóveda Slam Poetry agradecemos a tódolos implicados na organización deste importante evento cultural o gran esforzo que lle adicaron e o agarimo co que nos agasallaron en todo momento.

Este mes de novembro dará comenzo a segunda tempada no circuíto estatal de Poetry Slam, con datas aínda por confirmar dende a organización.

CRÓNICA DO CAMPIONATO ESTATAL

A cidade de Santander acolleu o XIII Campionato de Poetry Slam España, nos días 17, 18 e 19 de outubro, coma prato forte das actividades enmarcadas no Festival de Poesía Viva ‘Kaloka’, que celebraba a súa segunda edición, e foi organizado pola AC Poetry Slam Santander.

Este décimo terceiro campionato, estruturado en dúas semifinais e unha gran final, contou cun total de 32 poetas representando ás súas respectivas sedes locais de todo o territorio estatal, unha cifra que vai medrando ano tras ano nunha rede cultural viva –como a ouca avermellada autóctona cántabra que da nome ao festival– que se organiza baixo o paraugas da asociación Poetry Slam España. Nel atopamos dende sedes de pobos pequenos como os recentemente incorporados Carral ou Bóveda, en Galiza, até grandes cidades como Madrid ou Barcelona, que participan neste campionato dende a súa primeira edición no 2011.

A vitoria deste certame de poesía oral foi para a gaditana Marta Dylan, cuxa traxectoria nos escenarios xa abrangue 4 campionatos estatais e múltiples actuacións na escena local de Cádiz.

O segundo e terceiro posto foron para María Barrós e Júlia Sánchez, representado a Altercado Slam Zaragoza (Zaragoza) e Llobregat Slam Poetry (Sant Boi de Llobregat – Barcelona) respectivamente.

Marta Dylan viaxará a Eslovaquia do 10 ao 14 de decembro para representar a Poetry Slam España no campionato europeo, pouco despois de que a anterior campioa, Mama Fiera (Poetry Slam Menorca), faga o propio no Campionato Mundial en Togo do 12 ao 18 de novembro.

Formar parte deste acontecemento, no que se celebraron diferentes actividades lúdicas e culturais, foi unha experiencia moi enriquecedora. Unha destas actividades consistiu nun Slam de organizadores (evento que vén sendo habitual en tódolos campionatos estatais) no que participaron poetas pertencentes ás distintas sedes e do que saíu gañador Germán Chocero, membro de Slam Poetry Santako (Santa Coloma de Gramanet – Barcelona) e no que interveu, coma unha das organizadoras de Bóveda Slam Poetry, a poeta e compañeira Yolanda Alcas.

ÚLTIMAS

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van...

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...