O delegado supervisou o estado das obras que se están a acometer no inmoble, nas que o Ministerio do Interior está a investir 3,8 millóns de euros e que van permitir aumentar as prestacións e calidade dos servizos públicos, tanto para os preto de 60 axentes que traballan nel como para os case 20.000 habitantes aos que atende.
Pedro Blanco afirmou que a obra amosa o compromiso e esforzo do Goberno, a través do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, coa seguridade dos galegos e das galegas, “ao tempo que dotamos aos profesionais da Policía Nacional dos mellores equipamentos e medios, como tamén faremos en Lugo coa nova Comisaría e como vimos facendo en todo o territorio”.
Os traballos consisten na adecuación do edificio da antiga Casa de Socorro para albergar as dependencias policiais na localidade “e convertelo nun edificio moderno e á vangarda, que aposta pola sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a accesibilidade”, apuntou Pedro Blanco, que incidiu tamén no aforro que vai supoñer contar cun inmoble en propiedade e non en alugueiro, como ata o de agora.
“Con esta infraestrutura, e grazas á axilidade do Ministerio á hora de iniciar as obras, respondemos a unha vella demanda dos monfortinos. Unha demanda que non sería realidade sen a implicación do alcalde e a colaboración do Concello, cedendo gratuitamente os terreos e o edificio para construír esta dotación”, indicou o delegado.
O obxectivo, indicou, é “consolidar Lugo e Galicia como un dos territorios máis seguros do país, un camiño no que as forzas e corpos de seguridade contades co apoio e a defensa do Goberno de España, porque o compromiso coa seguridade é o compromiso co progreso e a mellora da sociedade”, concluíu.
Pedro Blanco visita a comisaría de Monforte / Delegación do Goberno
EStado das obras
Os traballos de rehabilitación do inmoble, situado na Avenida de Galicia e cunha superficie construída de 1.822 m2 sobre unha parcela de 2.282 m2, céntranse na actualidade no levantamento do piso inferior, onde estará situada a galería de tiro. As actuacións contempladas pola empresa adxudicataria, Ogmios, son as seguintes:
Planta Soto.- Situaranse nesta planta dúas zonas claramente diferenciadas, unha área de detención, situada no espazo existente de soto ao redor do patio interior nº 2 e unha Galería de tiro, proxectada nunha nova zona dentro da parcela e cuxa cuberta se aproveitará como zona de aparcamento exterior.
Planta Baixa.- Nesta planta situaranse as Oficinas de atención ao público (expedición de DNI-pasaporte, oficina de denuncias e atención ao cidadán) e o Grupo de seguridade cidadá.
Planta Primeira.- Recolleranse nesta planta as zonas máis privadas da comisaría: Xefatura de comisaría; Grupo operativo local; Grupo local de información (SITEL); Grupo local de policía científica; e vestiarios, así como aseos masculinos e femininos.
Planta Baixo Cuberta.- Esta zona recolle os usos máis privados da nova comisaría, como son a vivenda e as salas técnicas.
A reforma contempla ademais a implantación no patio interior nº 2 dunha nova escaleira, que comunicará as plantas soto, baixa e primeira, resolvendo a evacuación en caso de incendios, e un ascensor, que comunicará todas as plantas do edificio, permitindo resolver a accesibilidade do mesmo. Finalmente, no proxecto contémplase a urbanización da zona de aparcamento, situada sobre a cuberta da galería de tiro.
Pedro Blanco visita a comisaría de Monforte / Delegación do Goberno