HomeMovementos sociaisAsí se viviu o 25N en Monforte, Chantada e Quiroga

Así se viviu o 25N en Monforte, Chantada e Quiroga

Os tres concellos celebraron o acto central do 'Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres' diante da súa respectiva Casa do Concello para dar lectura a un manifesto en contra da violencia de xénero e en lembranza das vítimas.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

En Monforte, a concentración polo 25N tivo lugar na praza do Concello a partir das 12:00 horas, e acto seguido tivo lugar a lectura do manifesto. A Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López foi a encargada de dar lectura ao mesmo acompañada polo Alcalde, José Tomé, e diversos membros do Equipo de Goberno e da Corporación Municipal.

Despois da lectura tivo lugar a representación da Peza de Microteatro titulada“O que pasa na lareira queda na lareira” a cargo da artista Merche  Pérez, e máis tarde alumnado de primaria de diferentes colexios leron palabras simbólicas. Como remate ao acto entregouse material de sensibilización entre o público asistente.

Na concetración tamén había profesores e profesoras, dos diferentes centros educativos da cidade, persoal do Concello e veciñanza en xeral.

QUIROGA: MANIFESTO E PARTICIPACIÓN DO ALUMNADO

Con motivo do 25N o Concello de Quiroga, a través do Centro de Información á Muller de Quiroga, convocaba unha concentración diante da casa consistorial á unha do mediodía. Participaba o alumnado dos dous centros educativos –IES e CEIP de Quiroga– que acudía con pancartas de condena á violencia machista. E xunto a eles, tamén estaba persoal do concello, Alcalde e membros do Equipo de Goberno.

A Concelleira de Educación, Infancia e Igualdade, Maite Pérez Grao, baixo o balcón da casa consistorial que lucía unha pancarta alusiva a esta conmemoración, encargouse de ler un manifesto en repulsa das distintas formas de violencia exercida contra as mulleres. Destacou “a urxencia de alzar a voz por todas as mulleres que sofren violencia machista porque isto tamén é un acto de solidariedade e xustiza”, e fixo unha reflexión, “malia levar anos de loita, cando unha muller conta que sofre algún tipo de vexación táchase de esaxerada, culpabilízase e desacredítase, provocando que miles de mulleres non se atrevan a denunciar certas aptitudes, atopando que o silencio é o principal aliado e cómplice da violencia machista”.

Na intervención da concelleira apareceu tamén unha referencia á violencia que chega a través das novas tecnoloxías, a “crecente problemática da violencia dixital”. E lembrou para non baixar a garda que “a este espazo trasladáronse todas as dinámicas do espazo físico, incluídas aquelas que fan dano, a violencia e os delitos”.

Especial protagonismo tiveron as alumnas e alumnos do CEIP e do IES de Quiroga nesta data reivindicativa. Fixeron unha marcha dende os respectivos colexios ata a Casa do Concello con pancartas e carteis con frases e lemas contra a violencia de xénero e por un mundo en igualdade. E non só iso, sumaron tamén as súas voces a este acto, intervindo algunhas alumnas e alumnos coa lectura de reflexións, condenas e desexos… entre outras mensaxes puido escoitarse: “que os homes non maten ás mulleres”, “que todos poidamos vivir en paz” e “porque mulleres e homes somos iguais”.

Lectura de nenas e nenos diante da Casa do Concello. Foto: RTMQ.
Concentración 25N diante da Casa do Concello de Quiroga. Foto: RTMQ
CHANTADA: “QUERÉMONOS VIVAS, DI NON Á VIOLENCIA”

Pamela Fernández, concelleira de Igualdade, Luz López, psicóloga do CIM, Manuel L. Varela, alcalde, outros membros da corporación, veciños e veciñas do Concello de Chantada estiveron esta mañá diante da Casa do Concello de Chantada como acto central do 25N dando lectura ao manifesto.

O manifesto comezaba con estas palabras: “Conmemoramos o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres sendo conscientes da urxencia en conseguir que a violencia que aínda sofren as mulleres polo feito de selo, deixe de ser estrutural na nosa sociedade”.

Lectura do manifesto en Chantada. Foto: Concello.

E nel destacábase, entre outras cousas, que dende o concello reafirman “o compromiso para poñer fin á violencia contra as mulleres, sendo un obxectivo irrenunciable e prioritario”.

E na condena da violencia machista lembrouse que esta é para “todas as súas manifestacións”, lembrando ademais “as situacións extremas de violencia que padecen as mulleres en zonas de conflito armado, sendo obxecto de abusos, violacións e escravitude sexual con total impunidade”.

Como remate, subliñouse que “non pode haber silencios cómplices. Xa é tempo de que a vergoña, que ata agora recaía sobre as vítimas, cambie de bando e recaia sobre os agresores”, e pechouse o acto cun “Querémonos vivas, di non á violencia“.

ÚLTIMAS

Convenio de colaboración entre o Xeoparque Montañas do Courel e o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia

O Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel e o Colexio Oficial de Biólogos...

Concerto de acordeón no ciclo ‘Primavera Musical’ en Sober

Os amigos e amigas da música instrumental teñen o vindeiro 25 de maio unha...

O concello de Monforte requerirá a Aqualia para dar solucións integrais aos problemas de Escultor Francisco Moure e Reboredo

O contrato do concello de Monforte con Aqualia naceu no 2001, "xa dende o...

Unha nova xornada do ‘Marida Maio’ no Centro do Viño da Ribeira Sacra

Este xoves, 22 de maio, terá lugar ás 19:30 h. a segunda xornada da...