Ante máis dun cento de veciñas e veciños de Sarria e da contorna, Patricia Otero lembrou que bo 2023 os socialistas quedaron a pouco máis de 3.000 votos dese segundo escano.
A dous días do peche da campaña, Otero chamou a “mobilizar cada voto” e explicou o que se xoga o campo lucense, “o acordo da PAC negociado polo Goberno de Sánchez garantiu para España 47.724 millóns de euros entre 2021 e 2027. De cara á próxima negociación, demandaranse máis fondos e trámites máis sinxelos para que as axudas cheguen a tempo ás explotacións.” Otero referiuse tamén a quen traballa por conta propia e destacou a rebaixa do IRPF para as persoas autónomas e a posibilidade de que quen facture menos de 85.000 euros ao ano presente unha soa declaración anual de IVE. En materia de pensións, defendeu blindar na Constitución a súa revalorización anual conforme ao IPC.
O candidato ao Senado, César Mogo, reivindicou o dereito ao voto dos descendentes da emigración galega e acusou o PP e Vox de impedir que milleiros de netas e netos de galegos poidan votar nestas eleccións.
Pola súa parte, a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, pediulle a quen sente desencanto coa política que acuda ás urnas, “Hai dereitos que hoxe damos por feitos e que custou moito conquistar. A quen os precisa cámbianlle a vida. O 29 pido o voto socialista para defender eses dereitos e seguir ampliándoos”, sinalou.
O voceiro municipal socialista, Benjamín Escontrela, abriu o mitin agradecendo a asistencia da veciñanza e pediulle a Sarria un esforzo de participación este domingo para defender os dereitos e as liberdades. O secretario xeral do PSdeG de Sarria, José Manuel López Torre, agradeceu a implicación da agrupación local e lembrou que nas urnas tamén se decide o futuro da educación, da sanidade e das pensións públicas

