HomePolíticaFrancisco Conde recoñece as eivas económicas do rural no sur de Lugo

Francisco Conde recoñece as eivas económicas do rural no sur de Lugo

Esta fin de semana o Círculo Saviñao celebraba o seu 60 aniversario en Escairón sendo o acto central a conferencia do monfortino Francisco Conde, Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Publicado o

- Advertisement -

A conferencia levou por título “O impulso do rural en Lugo, unha oportunidade para o crecemento económico de Galicia” e nela Francisco Conde empezou lembrando a Galicia do 1958, cando naceu, cunha sociedade pobre e emigrante. Agora ben, resaltou a evolución, o cambio que se produciu no eido económico desde aqueles tempos ata a actualidade coa transición a unha sociedade industrial e con xente moi formada, líder no eido forestal e na industria agroalimentaria entre outras.

Puxo exemplos de empresas punteiras que na actualidade medran, dan emprego e exportan desde Galicia pero tamén sinalou os problemas do rural do século XXI, problemas que ao seu entender non hai que localizar só no rural galego senón tamén no rural español e europeo. Esas eivas económicas, segundo refería, pasan pola escasa creación de emprego, as dificultades coas que se atopan os empresarios que queren investir nos nosos concellos e a crise demográfica.

Para axudar aos emprendedores considerou que hai que reducirlle impostos, burocracia e acceso ao solo empresarial para favorecer a necesaria creación de emprego. Valorou especialmente a necesidade de estabilidade política para que esas condicións se podan dar e que exista confianza dos emprendedores no futuro. En consonancia co anterior indicou ademais que cómpre favorecer ás persoas con talento e dar soporte con boas infraestruturas e conexión veloz a internet.

Sobre o reto demográfico sinalou a escasa natalidade coma un dos maiores problemas de concellos de Lugo como O Saviñao, con só un 7% de menores de 15 anos e máis da metade da poboación que supera os 65.

Francisco Conde saudando aos asistentes á conferencia. Fonte: Enrique Sampil

En clave optimista e mirando cara o futuro, resaltou que a tecnoloxía actualmente permite desenvolver proxectos innovadores e profesións con futuro. Os cambios no eido económico están sendo drásticos e moi rápidos polo que se considera que 8 de cada 10 menores de 20 anos acabarán traballando en profesións que aínda non existen. Conde recoñecía esta situación e facía unha chamada cara a esperanza no futuro dicindo que o que vemos como unha ameaza tamén pode ser unha oportunidade.

ÚLTIMAS

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...

Abertas as inscricións para o II Mercado de Nadal de Pantón

O Concello de Pantón engadirá este ano á súa programación de Nadal un novo...

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reúnese co sector vitivinícola da Ribeira Sacra

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, realizou unha visita á Ribeira Sacra co obxectivo...

O Círculo do Saviñao comeza o seu Ciclo de Teatro de Outono

Este sábado, 7 de novembro, sube o telón en Escairón o Ciclo de Teatro...