A Xunta de persoal do H.P. de Monforte, por decisión unánime en reunión do día 26 de febreiro de 2025, denunciaba a intención de suprimir as gardas de Hematoloxía no H.P. de Monforte. “Neste mes de marzo, as hematólogas deixarían de facer gardas no noso hospital”, aseguraban.
A xunta de persoal asegura que , “As hematólogas veñen facendo garda dende que chegaron a este hospital, non podemos entender por que se deixarían de facer neste momento, cando contamos con dúas profesionais. Xa bastantes cousas nos quitan cando non contamos con eles. Queremos lembrar que o servizo de Transfusión ten que ter por lei, hematóloga 24 horas”. E adiataban que ao deixar de facer gardas, as hematólogas, faríase cargo delas o servizo de medicina interna.
Nesta situción valoraban facer unha nova concentración no hospital, “xa que cada día contamos con menos servizos e damos peor cobertura á cidadanía. Non se pode consentir o que están facendo”.
Ante esta denuncia desde a Área Sanitaria asegurouse que as gardas de hematoloxía seguirían a facelas as hematólogas e anunciouse que pronto chegaría o mamógrafo.
Iniciativa parlamentaria BNG
O BNG pedía á Xunta garantir que a poboación dependente do Hospital Comarcal de Monforte reciba atención sanitaria, así como que se garanta a cobertura das prazas onde actualmente hai falta de profesionais. Neste punto acordouse que a cobertura das prazas se faga “na medida en que haxa persoal sanitario dispoñible”.
Aseguran os nacionalistas que o persoal sanitario vén alertando dunha serie de deficiencias en servizos clave como dixestivo, psiquiatría, rehabilitación, pediatría, radioloxía e laboratorio. Esta carencia de profesionais tamén se estende ás quendas de noite, o que agrava a situación. O deputado da comarca destacou que o de Monforte é o único hospital
galego que carece dunha praza de médico específico para o servizo de Hospital a
Domicilio (HADO) Ademais, faltan celadores e Técnicos en Coidados Auxiliares de
Enfermaría (TCAE), apuntou.
Non obstante, o caso máis “sangrante”, é o do mamógrafo do hospital, que leva
estragado desde o pasado mes de xuño, deixando de facerse mamografías desde
decembro, “co gravísimo que é para as mulleres do sur de Lugo”, advertiu Suárez e engade, “O envellecemento da poboación e a falta de servizos son factores que empeoran a situación, e é fundamental que a Xunta de Galiza tome medidas inmediatas para paliar esta problemática. Se aceptasen a quita da débeda igual habería máis diñeiro para contratar
profesionais”, concluíu