HomesociedadeAlumnado do IES Río Cabe triunfa na final nacional do concurso “Young...

Alumnado do IES Río Cabe triunfa na final nacional do concurso “Young Business Talents”

O pasado venres 21 de marzo celebrouse en Madrid a final da competición empresarial “Young Business Talents” e un equipo do IES Río Cabe formado polas alumnas Carolina Costa Daga, Mara López Rodríguez, Pablo Rodríguez López e Candela Sánchez Touzón proclamáronse gañadoras da simulación na que competían con outros catro equipos das provincias de Madrid, Barcelona, A Coruña e Sevilla.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As/os 4 alumnas/os de 2º Bacharelato do IES Río Cabe participaron nesta competición educativa de simulación empresarial, organizada por ABANCA, ESICUniversity, Herbalife e Praxe MMT. Os estudantes destacaron entre os centos de participantes grazas á súa capacidade para tomar decisións estratéxicas en áreas como márketing, produción e finanzas, dentro dunha contorna dixital que replica a realidade das empresas.

Este concurso arrincou no mes de novembro coa participación dun total de 11.466 mozos preuniversitarios de 412 centros docentes de toda España. Os equipos foron pasando diferentes fases ‘en liña’ e así puideron vivir en primeira persoa unha experiencia de laboratorio sen riscos.

Este proxecto de gamificación é unha parte complementaria das materias relacionadas coa empresa e a economía, cuxo obxectivo é introducir unha práctica docente innovadora nas clases, axudando ao alumnado para complementar a formación teórica desde un prisma lúdico e motivacional.

Alumnado do IES Río Cabe no concurso “Young Business Talents” / IES Río Cabe

Ao longo deste tempo, os participantes puideron coñecer como funciona unha empresa real por dentro e tiveron que xestionar múltiples aspectos da súa empresa virtual, como poden ser a decisión do número de unidades a producir, prezos de venda, publicidade realizada, contratación de traballadores, solicitude de préstamos, investimentos financeiros, exportacións etc…. resultando gañador o equipo que consegue un maior beneficio económico ao longo do tempo.

É de destacar o esforzo realizado polo alumnado, a súa dedicación e espírito emprendedor nunha competición que pon a proba a capacidade dos mozos para tomar decisións baixo presión nunha contorna de mercado simulado. Os vinte equipos gañadores das diferentes simulacións na final nacional repartíronse máis de 10.000 euros en premios, así como diplomas acreditativos que lles axudarán a mellorar o seu currículo e futuro profesional.

ÚLTIMAS

Premio ao Mellor Documental para o Colexio Escolapios de Monforte nun Festival Escolar Internacional

O Real Colexio Escolapios de Monforte vén de recibir o premio ao mellor documental...

Xa se coñecen os gañadores do XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou este sábado a súa xornada...

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela será de libre acceso tamén para o público xeral

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela comezou xa a prestar servizo ás persoas...

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...