O 17 de maio nacían Xornal de Lemos, Xornal da Mariña e Lugo Xornal, facíano como unha fonte alternativa de información á hexemonía dos grandes medios tradicionais. Os tres xornais, escritos íntegramente na nosa lingua, están orientados á información local e comarcal, dando conta da actualidade política, económica, cultural, deportiva e social.
Estes tres medios completan a oferta informativa da provincia. Editados por Xornal de Lugo S.L., teñense convertido en referentes informativos da provincia xunto con La Voz de Galicia e El Progreso de Lugo. Ademais, están asociados a Xornal de Vigo, o gran medio dixital do sur de Pontevedra, e Galicia Confidencial (www.galiciaconfidencial.com), o principal xornal en galego e o terceiro medio dixital de Galicia, que lle dá soporte informativo, comercial e técnico. Todos estes medios contan cun acordo para intercambiar información e publicidade.
A isto hai que sumar o crecemento en redes socias. Galicia Confidencial é o xornal en galego con máis seguidores (54.000) e foi o primeiro en lingua galega en superar os 30.000 en Facebook. Pola súa banda os xornais asociados na provincia de Lugo son os que máis medraron en redes sociais e en número de visitas nas súas respectivas comarcas nos últimos meses.
O máis lido de Xornal de Lemos
A nivel xeral sucesos e sociedade son os temas preferidos polos nosos lectores. Entre o máis visitado destaca a conversa coa xornalista, Julia Otero, coincidindo con que pregoaba as festas de Monforte, e que tivo case 6.000 visitas directas ao xornal. A batalla de Repil (A Pobra do Brollón), contada polo arqueólogo, Xurxo Ayán, foi outra das máis lidas, ao igual que o anuncio de colocación dun novo radar no corredor Monforte-Lugo. Detencións en Monforte por tráfico de drogas ou a chiscadela que lle fixemos ao 28 de decembro chamaron tamén a atención dos nosos seguidores.
Na última quincena de decembro, nas redes sociais a presencia de Tim Burton en Monforte, chegou a máis de 5.000 persoas a través de Facebook, compartíndose 106 veces; a Ribeira Sacra máis preto de ser Patrimonio da Humanidade chegou a 4.700 persoas, compartíndose 47 veces; a conversa co físico da Pobra do Brollón, José Luis Rodríguez Sáchez, chegou a 3.000 persoas e compartiuse 31 veces e a conversa coa empresa quiroguesa Armaior, compartiuse 21 veces e chegou a case 5.000 persoas.