HomeEn profundidade“A creatividade é algo que se contaxia cando se comparte con paixón”,...

“A creatividade é algo que se contaxia cando se comparte con paixón”, Ana e Noel, artesáns de Cristosende

Ana e Noel chegaron á Ribeira Sacra apostando pola artesanía e unha vida máis tranquila en contacto coa natureza. Baixo a súa marca, Riomao Estudio Creativo, deseñan e comercializan produtos dende hai cinco anos e organizan obradoiros no seu propio estudio e fóra del. Coñecemos o seu proxecto.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Ana e Noel son unha parella de Vigo que chegou a Cristosende, no Concello da Teixeira, no 2012 buscando un lugar tranquilo onde vivir en contacto coa natureza e poder desenvolver o seu proxecto de artesanía. Os avós paternos de Ana eran de Ferreira de Pantón, e tras vivir noutros lugares, tiveron claro que a Ribeira Sacra era o sitio onde querían asentarse e facer realidade o seu soño.

A bixutería é a disciplina artística coa que comezaron e, quizais, a que máis presenza ten nas feiras e mercados de Galicia onde acoden, pero co tempo foron incorporando outras técnicas e obxectos como pinturas, obras escultóricas en pedra ou diferentes obxectos de decoración.

Cando e como vos cativou o interese pola bixutería, a pintura e a escultura?

A pintura e o debuxo acompañáronme xa dende cativo, foron sempre unha forma de expresión moi presente na miña vida. Máis adiante, arredor dos 25 anos, sentín a necesidade de seguir explorando e comecei a formarme pola miña conta en distintas escolas de escultura. No caso da bixutería, xurdiu como unha curiosidade que foi medrando impulsada polo interese e pola busca dun medio que encaixase coas nosas posibilidades e co estilo de vida artesanal e rural que queriamos levar. Tamén axudou a vontade que tiñamos de traballar en equipo. Eu encárgome do deseño e da parte máis creativa, e Ana completa as pezas coa elaboración da fornitura mediante técnicas de alambrismo, ademais de levar a parte comercial. Esa colaboración permitiunos ampliar horizontes e crear algo único que reflicte o talento e a visión de ambos.

Noel realizando un traballo de escultura. Foto: Riomao Estudio Creativo.

Cando empezastes co voso proxecto de artesanía, “Riomao Estudio Creativo”, e que produtos elaborades actualmente?

Comezamos co proxecto de Riomao Estudio Creativo hai cinco anos, despois dunha longa rehabilitación da casa e dos espazos que hoxe ocupan os obradoiros. Elaboramos unha ampla variedade de produtos que abranguen Deseño-Artesanía-Arte, coa fusión de materiais e diversas técnicas. A bixutería abriunos paso a mercados nos que poder iniciar a actividade, pero tamén facemos pezas únicas torneadas como lámpadas e utensilios para o fogar de madeiras nobres de oliveira e buxo da Ribeira Sacra.

“Elaboramos unha ampla variedade de produtos que abranguen Deseño-Artesanía-Arte, coa fusión de materiais e diversas técnicas”

Cada ano, a medida que imos acondicionando máis espazos no Obradoiro, imos incorporando outras disciplinas máis artísticas como a pintura e a escultura. O desexo constante de seguir aprendendo con todo o que pasa polas nosas mans, e manter a creatividade en cada paso, é o que nos identifica e nos diferencia.

Cales son as vosas canles de venda?

Actualmente utilizamos diversas canles para comercializar as nosas creacións.
Por unha banda, temos a nosa web, onde se poden mercar directamente algunhas das nosas pezas, e tamén a través de Instagram e Facebook onde difundimos o noso traballo.

Ao longo do ano participamos nalgúns mercados organizados por Artesanía de Galicia ou concellos onde tamén impartimos obradoiros co obxectivo de achegar a artesanía á xente e fomentar a creatividade compartida.

Un dos nosos principais enfoques actuais é dinamizar o noso propio espazo, organizando obradoiros artesanais e actividades baixo reserva onde ofrecemos diversas experiencias dirixidas a aquelas persoas que desexen coñecer a nosa contorna –no corazón da Ribeira Sacra– e vivir unha experiencia creativa nun obradoiro multidisciplinar.

Como xorden e como lle ides dando forma, logo, a estes obradoiros?

Os nosos obradoiros xurdiron da necesidade de compartir coñecementos coas persoas que se achegan a nós co desexo de aprender. Para nós é unha maneira de manter vivos saberes que, de non transmitirse, corren o risco de desaparecer no esquecemento.

É unha actividade que nos devolve tanto como damos: non só compartimos técnicas e procesos, senón que tamén recibimos inspiración, conexión e motivación para seguir creando. Ademais, en moitas ocasións, os obradoiros tamén se converten nunha oportunidade para dar a coñecer e vender algunha das nosas obras.

“Os nosos obradoiros xurdiron da necesidade de compartir coñecementos coas persoas que se achegan a nós co desexo de aprender”

Tamén os facedes para fóra, verdade?

Impartímolos tanto no noso estudio como fóra del, colaborando con asociacións, festivais, centros educativos e programas culturais de distintos concellos.

Que materias primas empregades e que vos inspira para as vosas creacións?

Os materiais que nos acompañan dende os inicios son a madeira e a pedra, recursos que recollemos da nosa contorna, no Concello da Teixeira. Esta zona ofrece unha gran variedade de árbores de distintas calidades e unha beleza natural que nos inspira constantemente.

Recollemos só o necesario, sempre con respecto e coidado, mediante podas selectivas que non prexudican a saúde das árbores. Traballamos dende a conciencia ecolóxica, entendendo que o medio natural no que vivimos é parte fundamental do noso proceso creativo.

A propia paisaxe e a vida no rural son a nosa principal fonte de inspiración, que mesturamos con técnicas ancestrais artesanais con técnicas mais actuais sen perder a creatividade e orixinalidade de cada peza.

Que produtos dos que confeccionades teñen máis éxito?

A bixutería é a que máis visibilizamos nos mercados e polo tanto a que de momento mais éxito ten, pero tamén teñen moi boa acollida os cadros inspirados na nosa comarca, así como as obras escultóricas en pedra, a decoración de pinturas artísticas en locais e que se valoran especialmente noutras canles de venda máis específicas ou por encargo.

Gústanos mesturar artesanía e arte, creando pezas únicas que combinen funcionalidade, estética e identidade territorial. 

Pendendes de Riomao Estudio Creativo. Foto: XdL.
Posto de Riomao Estudio Creativo nunha Feira de Artesanía. Foto: XdL.

Algunha anécdota curiosa que vos acontecera nestes anos?

Unha das que máis nos emociona é ver como, nos obradoiros de pintura, hai persoas que descobren unha nova maneira de expresarse. Sorpréndense da súa propia evolución, canalizan emocións e mesmo se animan a iniciar un camiño creativo propio.

Para nós, iso demostra que a creatividade é algo que se contaxia cando se comparte con paixón. Momentos así dan sentido a todo o que facemos.

Noel, de Riomao Estudio Creativo. Foto cedida.

ÚLTIMAS

A Ribeira Sacra salva a Semana Santa a pesar da climatoloxía

Nos días previos superouse a ocupación de 2024. Nos días centrais, a porcentaxe baixaba...

Chantada celebra o 26 de abril o III Festival de Charangas

A cita pensada para ofrecer novas actividades de lecer para todo tipo de públicos...

Ensaio en Quiroga para combater as herbas de viñas e oliveirais con ovellas e robots desbrozadores

O obxectivo final é atopar unha alternativa aos métodos actuais, é dicir, a aplicación...

Cristina Alcalá, pregoeira da Feira do Viño de Vilachá 2025

O Concello da Pobra do Brollón vén de anunciar a pregoeira da que será...