HomeCulturaUn 'Roteiro Fiz Vergara Vilariño' especial para gozar dun percorrido mellorado e...

Un ‘Roteiro Fiz Vergara Vilariño’ especial para gozar dun percorrido mellorado e con restauracións artísticas

Está programado para este sábado 31 de maio, con saída en Airapadrón (Samos) ás 11 da mañá, e organizado polo Concello de Samos e a Asociación Cultural Ergueitas.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Este sábado 31 de maio de 2025 terá lugar na Lóuzara Xabreira de Fiz Vergara Vilariño un roteiro moi especial pois servirá para gozar dun percorrido que foi mellorado e no que se fixeron restauracións moi importantes dalgunhas das intervencións artísticas.

Falamos con Xerardo Alvaredo, membro da directiva da A.C. Ergueitas, quen nos conta que o roteiro de Fiz Vergara Vilariño leva moitos anos facéndose, se ben a partir do 2010 pasou a ser “Roteiro Artístico Literario” grazas á incorporación de obras artísticas, escultóricas e literarias. Un percorrido que se fai cada ano e só se viu interrompido durante 2 anos na pandemia.

“Despois vimos que estaba estragado algún elemento do roteiro, e con deterioro no camiño e nalgunhas esculturas”, comenta Xerardo. Foi a partir de aquí cando o Concello de Samos se puxo mans á obra e cun plan de recuperación-restauración pediu unha subvención para poder acometer unha recuperación integral no ano 2024.

No que respecta á restauración e recuperación de intervencións artísticas, por exemplo, recuperouse integramente a peza de Manuel Buciños; reparouse a de Mónica Alonso; recuperouse do río e recolocouse a de Álvaro de la Vega; a intervención de Paco Poy fíxose en aceiro pois a peza de madeira estaba moi deteriorada; tamén se recuperou integramente a de Alfredo Yáñez e a de Violeta Bernardo parcialmente.

Ademais, segundo sabemos por Xerardo, arranxouse o camiño, repuxéronse os soportes dos poemas que acompañan as intervencións con material máis resistente, colocáronse sinalizacións e códigos QR para orientar as visitas, e puxéronse indicadores en Santalla.

“Neste 2025 no que o premio de poesía cumpre a súa 25 edición revitalizamos o roteiro que nos mergulla no territorio no que Fiz viviu e creou a súa poesía”, afirman dende a A.C. Ergueitas.

De cara ao roteiro do sábado 31 sairá ás 11:00 h. de Airapadrón, estará guiado por María Casar (Presidenta da A.C. Ergueitas), e farase co acompañamento de varias dos e das artistas plásticos/as que realizaron intervencións en 13 puntos interpretando outros tantos poemas do Fiz.

Para máis información e para reservar quen queira quedar a xantar, a organización ofrece o teléfono 677429225.

Escultura de Eduardo Valiña. Foto: Xerardo Alvaredo.
O ROTEIRO

Roteiro lineal que implica facer unha parte en coche e outra a pé. Foi creado por iniciativa da “Asociación de Escritores en Lingua Galega” e a “Agrupación Cultural Ergueitas de Sarria” en homenaxe ao poeta Fiz Vergara Vilariño, intelectual que viviu en Santalla de Lóuzara (Samos), contorna á que lle dedicou parte importante da súa obra.

Ao longo deste roteiro pódense ver diferentes esculturas xunto con poemas deste ilustre samoense, chegando a haber un total de ata 13 esculturas que lembran algún poema ou aspecto da vida do poeta, dos artistas plásticos Jesús Otero-Yglesias, Manuel Buciños, Primitivo Lareu, Álvaro de la Vega, Miguel Ángel Macía, Violeta Bernardo, Mónica Alonso, Paco Poy, Fernando Yáñez, Caxigueiro, Manolo Caamaño, Eduardo Valiña e Paco.

O roteiro comeza en Airapadrón e finaliza un pouco máis aló da Fervenza de Augadalte, en Santalla de Abaixo, sendo este último tramo, entre Santalla e a fervenza o que hai que realizar a pé (1 quilómetro aproximadamente).

Grupo de xente facendo o roteiro e unha intervención de Paco Pestana. Foto: Xerardo Alvaredo.

ÚLTIMAS

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...