O Concello de Monforte súmase un ano máis a campaña internacional Quere o teu mercado, que se celebrará o sábado 31 de maio na Praza de Abastos da cidade, un espazo que recentemente vén de perder un novo posto, concretamente O Colmado. Actualmente só quedan tres, unha panadería, unha froitería e unha polería.
O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que con esta acción “dende o Concello de Monforte, sumámonos ás que xa levamos realizando dende hai anos para fomentar as compras no pequeno comercio de proximidade, que é o que se realiza, neste caso, na Praza de Abastos da nosa cidade”.
DEGUSTACIÓNS E VIÑO PARA VISIBILIZAR A PRAZA DE ABASTOS
Este sábado 31 de maio terá lugar na Praza de Abastos, a partir das 12:00 horas, unha degustación de produtos locais provintes dos praceiros coa que se pretende animar aos monfortinos a que compren os seus produtos na Praza de Abastos municipal polo valioso papel dinamizador e revitalizador que xogan os mercados municipais dos centros urbanos, facilitando, ademais, a compra de alimentos frescos a carón da casa. Ademais, farase entrega das Bolsas de tea da campaña “Quere o teu mercado” da Dirección Xeral de Comercio.
Dende o concello lembran tamén que “mercar nas Prazas de Abastos é garantía de calidade, bo servizo, atención personalizada e unha garantía de obter produto fresco e galego así como garantía de boa compra, fomentando o consumo de produtos que garante unha dieta equilibrada e saudable”.
Con esta iniciativa, dende o Concello de Monforte, reafirman o seu compromiso co impulso do pequeno comercio local, promovendo as compras de proximidade e poñendo en valor os produtos da praza de abastos.