HomesociedadeA Ruta do Viño da Ribeira Sacra certificada como unha das 38...

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra certificada como unha das 38 ‘Rutas do Viño de España’

"Isto é simplemente o comezo dun duro traballo para situar o enoturismo da Ribeira Sacra na vangarda do enoturismo no Estado", afirmaba tras coñecer a nova o presidente da asociación, Antonio Lombardía.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Asociación Española de Ciudades del Vino (ACEVIN) ratificou a certificación que fai posible a incorporación da Ruta do Viño da Ribeira Sacra á marca ‘Rutas del Vino de España’, un club creado e xestionado desde a devandita entidade e que conta xa con 38 destinos repartidos polos principais territorios vitivinícolas de todo o país.

O modelo, baseado na colaboración público-privada, a calidade e a integración e especialización dos diferentes axentes turísticos de cada territorio, converteuse no referente do enoturismo nacional e está a servir de exemplo a novos proxectos internacionais para o desenvolvemento enoturístico.

A RUTA DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA

Esténdese pola zona de produción que abrangue a D.O. Ribeira Sacra, nun territorio formado por un total de 21 municipios, entre o sur da provincia de Lugo e o norte da de Ourense. Estes concellos son: A Peroxa, A Pobra do Brollón, A Pobra de Trives, A Texeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Manzaneda, Monforte de Lemos, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Sober, Taboada, e Trives. Todos eles distribúense por cinco subzonas vitivinícolas: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil. As variedades principais son a mencía e a godello, aínda que atopamos outras autóctonas galegas como a brancellao, a merenzao, a sousón, a loureira ou a treixadura.

O territorio desta ruta do viño, que transcorre ao longo das ribeiras do Miño e o Sil, caracterízase polo cultivo do viñedo nas ladeiras (aterrazadas ou naturais) que dan aos ríos e nas que o desnivel pode chegar ao 70%. Por iso, esta zona é unha das principais representantes da chamada ‘viticultura heroica’.

Este patrimonio únese ao arquitectónico, pois aquí dáse unha das maiores concentracións de igrexas e mosteiros medievais de toda Europa; unhas construcións que tamén están relacionadas coa elaboración e a produción de viño desde hai séculos. Todo isto, unido a outros aspectos e focalizado no papel natural, xeolóxico, agrícola, histórico, paisaxístico e cultural que representan os canóns e vales fluviais desta comarca, levou a configurar a candidatura (en proceso) Ribeira Sacra: Paisaxe da auga para Patrimonio da Humanidade.

Coñecida a nova, o presidente da asociación, Antonio Lombardía, amosou a súa satisfacción subliñando que a obtención da certificación “é un paso moi importante para a Ruta do Viño da Ribeira Sacra” e que esta distinción “ampáranos, pero sobre todo esíxenos”. Abondando no recoñecemento dixo que “isto é simplemente o comezo de un duro traballo para situar o enoturismo da Ribeira Sacra na vangarda do enoturismo no estado”.

Para rematar, Lombardía comentou que entrar neste club axudará ás vendas de viños nas propias adegas e daralles un aumento do seu valor engadido, e agradeceu o apoio do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

RUTAS DEL VINO DE ESPAÑA

Trátase dun club que está conformado por 38 rutas, e unha marca enoturística apoiada pola Secretaría de Estado de Turismo, TURESPAÑA e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Como aspecto de relevancia sobre as ‘Rutas del Vino de España’, a presidenta de ACEVIN, Rosa Melchor, explica que este produto “aséntase sobre unha estratexia de desenvolvemento socioeconómico integral do territorio, de cooperación público-privada e de valorización da identidade e cultura vitivinícola do destino”. Así mesmo, incide en que “a marca Rutas del Vino de España está concibida para facer descubrir ao viaxeiro unha España diferente e vivir experiencias únicas”.

A Ruta do Viño Ribeira Sacra súmase agora a estas 38 rutas: Alacante, Almansa, Arlanza, Arribes, Bulas, Calatayud, Campo de Cariñena, Cigales, O Bierzo, Garnacha-Campo de Borja, Gran Canaria, Jumilla, A Mancha, A Manchuela, Lleida, Méntrida-Toledo, Madrid, Marco de Xerez, Montilla-Moriles, Navarra, Penedès, Rías Baixas, Ribeira do Douro, Ribeira do Guadiana, Rioxa Arabesa, Rioxa Alta, Rioxa Oriental, Rolda e Málaga, Rueda, Sierra de Francia, Somontano, Toro, Txakoli, Utiel-Requena, Valdepeñas, Yecla e Zamora.

ÚLTIMAS

Está a arder Roxe de Sebes?

Em Soldom contarom-nos que naquela altura houvo quem pensou que César que podia ser...

Deteñen en Bóveda unha persoa requirida por un xulgado de Huesca

A Garda Civil detivo a unha persoa na localidade lucense de Bóveda tras non...

A Pobra do Brollón celebrará As Cores do Outono o 27 de setembro

O Concello da Pobra do Brollón vén de presentar o cartel da XI edición...

O lume non dá tregua no Concello de Quiroga

O incendio que saltou de Larouco a Quiroga o pasado 15 de agosto está...