HomeOpiniónOpinión: Gran final do Bóveda Slam Poetry 2025

Opinión: Gran final do Bóveda Slam Poetry 2025

Crónica da gran final da tempada 2024-2025 da que saíu clasificado 'Piteira' para o XIV campionato Poetry Slam España, competición que se organizará en Lleida os días 18, 19 e 20 de setembro.

Publicado o

POR
Xosé Casar (Piteira)
- Advertisement -

O Poetry Slam (competición de poesía escénica na que o público ten un papel crucial xa que se constitúe coma xurado) é un xeito diferente de achegar a cultura poética á rúa, á veciñanza, á xente.

Encetamos esta aventura coñecedores destes eventos nas cidades máis poboadas, sabedores de que só nelas se ían convocando e formando grupos para organizalos. Había por entón 32 sedes inscritas en Poetry Slam España, unha asociación que coordina un campionato desta modalidade a nivel estatal. Faltaba que se achegara tamén ao rural, que tamén o rural ten fame de poesía.

Cando iniciamos Bóveda Slam Poetry só existía en Galiza unha sede de Poetry Slam, a de Compostela (sede que lamentablemente este ano non participou, e que desexamos que volva a organizarse axiña). Practicamente canda nós, só un mes antes, mais sen coñecemento dos seus organizadores do que en Bóveda estaba a pasar, nin saber nós que eles andaban nas mesmas, formábase outra sede na Coruña, en Carral, o Poetry Slam Carral. Os carraleños celebrarán o último xoves deste mes de xuño a súa Gran Final.

GRAN FINAL EN BÓVEDA

O día 31 de maio, Bóveda Slam Poetry chegou á Gran Final da súa terceira tempada, a segunda xa inscritos no circuíto oficial de Poetry Slam España. Nesta tempada pasaron por Bóveda e o Poetry Slam: Paloma Sas, María Barrado (MeryJaneFunk), Yolanda Alcas, José Manuel Rodríguez, José Ramón Vázquez (Joserra), Ana Valín, José Antonio García, Cristina Pérez Hermida, Néstor B., Roberto do Pacio, Jonatan Jorge Guille, Santi Panti, Andrea Micc, Wiliam e máis o que escribe estas liñas, Xosé Casar (Piteira). Os ‘slameiros’, uns pertencentes ao concello de Bóveda e outros que viñeron dende Ourense, Taboada, Vedra, Lugo e Sarria, interpretaron as súas pezas e sometéronse ao xurado do Poetry Slam, o público. Público que tivo a nada doada tarefa de xulgar as interpretacións dos poetas, e que o fixo con moita honestidade e moito rigor e, sobre todo, desfrutando, gozando nuns versos que nos falaron de natureza, de amor, de xustiza ou inxustiza social, de saúde mental, vivencias persoais, etc.

Bóveda Slam Poetry tivo nesta tempada un pequeno aumento de público local, persoas pertencentes a Bóveda ou a concellos próximos, persoas que nos animaron cos seus comentarios a seguir organizando este acontecemento, apostando pola poesía escénica no rural. Agradecemos moito o seu apoio, o da administración local, e o de empresas interesadas pola cultura social, cada unha coas súas posibilidades, coma a librería Pelayo de Monforte, a imprenta Santolhao Dixital, tamén de Monforte, e a imprenta Nós do Barco de Valdeorras.

Na Gran Final participaron os ‘slameiros’ que o público fixo gañadores en cada un dos cinco eventos clasificadores realizados e máis as dúas mellores segundas posicións da tempada, en total estes sete poetas: José Antonio García, MeryJaneFunk, Cristina Pérez, Roberto do Pacio, Piteira, Néstor B. e Yolanda Alcas.

Yolanda, Xosé Casar e Cristina. Foto. Bóveda Slam Poetry.

No transcurso dunha velada na que os participantes loitaron a golpes de verso demostrando a gran calidade das súas creacións, e amenizada polo grupo musical Lora Hace Pam (moi aplaudido polas súas orixinais interpretacións), o público decidiu recompensar coa cunca de bronce a Cristina Pérez, coa cunca de prata a Yolanda Alcas e coa cunca de ouro a este ‘slameiro’ (Piteira). Recoñecendo que calquera dos intervenientes foi merecedor da cunca de ouro agradezo dende aquí este premio e a confianza que os compañeiros de organización depositan na miña participación, como gañador da Gran Final, no XIV campionato de Poetry Slam España que se celebrará en Lleida no vindeiro mes de setembro (días 18, 19 e 20), no que participarán 35 sedes.

ÚLTIMAS

Está a arder Roxe de Sebes?

Em Soldom contarom-nos que naquela altura houvo quem pensou que César que podia ser...

Deteñen en Bóveda unha persoa requirida por un xulgado de Huesca

A Garda Civil detivo a unha persoa na localidade lucense de Bóveda tras non...

A Pobra do Brollón celebrará As Cores do Outono o 27 de setembro

O Concello da Pobra do Brollón vén de presentar o cartel da XI edición...

O lume non dá tregua no Concello de Quiroga

O incendio que saltou de Larouco a Quiroga o pasado 15 de agosto está...