A CIG-Saúde considera “lamentable” que SERGAS non dea a orde de arranxar estruturas básicas a pesar de haber comunicacións oficiais. Poñen como exemplo o peche da porta principal de acceso do PAC, “A finais do 2024 comunicáronse defectos na estrutura e posible risco inminente de caída. En lugar de reparar ou poñer un novo elemento optouse por poñer cadeas para inmobilizar a apertura ou peche, e poñer cartelería indicando o peche temporal dese acceso e nova entrada ao PAC a través da porta de acceso de Urxencias do Hospital de Monforte de Lemos.”
Esta situación aseguran que trae importantes consecuencias:
- Probablemente non se cumpra co plan de emerxencias do edificio, xa que en caso de incendio sería óptimo utilizar esa porta para evacuar a pacientes e persoal do PAC.
- Para acceder ao PAC os pacientes teñen que entrar pola saliña de espera que moitas veces está ateigada de xente esperando para que os atendan en Urxencias ou no PAC
- Cando o 061 trae un paciente, pasa pola sala, o que demora a chegada ó PAC
- No caso dunha saída de emerxencia, o persoal sanitario, tería que sortear á xente para sair.
Outra comunicación que ten a Dirección de Atención Primaria é a mala climatización que ten o Servizo, “No inverno o sistema non proporciona o calor necesario e no verán sofren temperaturas elevadas. O motivo é que os termóstatos son antigos, hai dificultade para obter repostos e custa poñer uns novos.”
Outra incidencia está no servizo de Admisión do PAC de Monforte. Hai unha saliña de descanso para o persoal non sanitario e nel atópase o rack de comunicacións que xera campos electromagnéticos que entre os posibles riscos de saúde están efectos térmicos (poden estimular músculos, nervios e órganos sensoriais, causando molestias como náuseas, vertixe, dores de cabeza, fatiga, alteracións no sono..). “Se houbera vontade por parte da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte este problema solucionábase fácil, levando o rack a outra estancia”.
“Ante estas graves deficiencias e estado de abandono”, solicitan que se corrixa xa a situación, “que se tomen medidas para ser unhas instalacións dignas para as traballadoras e traballadores e máis a poboación que atende o Punto de Atención Continuada”.