A banda de rocanrol Doc Magoo’s percorreu un longo camiño desde os seus inicios nos anos 2000, cando Franki e Jose Cabo se xuntaron con Mani, Xabier e Tito coa idea de formar unha banda centrada en versións de rock clásico. Máis tarde, en 2003, a entrada de Pierrez marcou un punto de inflexión ao incorporar o son único do órgano Hammond, que trouxo dinamismo e profundidade ao estilo do grupo.
EVOLUCIÓN NO SON E NOS INTEGRANTES
En 2015 Marcos “Napo”, un músico que proviña da banda ourensá Morphina, sumouse ao baixo, achegando solidez e unha nova enerxía ao conxunto. Pouco despois uníronse Pistón e Izzy Castañer. O primeiro, un percusionista recoñecido en Sarria, asumiu o posto de batería fortalecendo a base rítmica do grupo; e Castañer, como vocalista, engadiu un aire fresco e renovado grazas á súa experiencia en bandas como Fronte Norte, Anger e Xtrume.

En paralelo, a incorporación de Miguel Luaña coa súa harmónica enriqueceu o son do grupo, levando a súa proposta musical a outro nivel.
A marcha de Izzy Castañer fixo que en 2023 a historia de Doc Magoo’s dera un xiro emocionante coa entrada de Fran “Renegado”, guitarrista e vocalista, que engadiu potencia e versatilidade ao proxecto. A súa chegada, xunto á permanencia de Pierrez nos teclados, consolidou a formación actual da banda, que combina a experiencia dos seus membros fundadores coa frescura das novas incorporacións.
Formación actual de Doc Magoo’s: Franki (Guitarra), Fran “Renegado” (Voz e guitarra), Marcos “Napo” (Baixo), Pistón (Batería), Miguel Luaña (Harmónica), Pierrez (Teclados).


Nestes 25 anos de traxectoria ben se podería afirmar que Doc Magoo’s segue honrando as súas raíces de rock clásico mentres evoluciona con cada nova incorporación, mantendo a súa esencia intacta e a súa enerxía sempre vibrante. Versionando a grandes de todos os tempos, nos seus concertos pódense escoitar temas míticos da escena musical internacional. Neil Young, The Black Crowes, Prince, Police, Rolling Stones, Lenny Kravitz, The Doors, Beatles, Bob Dylan, entre outros, atópanse no seu repertorio.
25 ANOS ‘DÁNDOLLE AO ROCK & ROLL’
Tendo en conta esta efeméride tan importante para o grupo estase traballando dende Hermanager Producións, a súa oficina de management, para que o segundo semestre de 2025 sexa moi especial. Especial no que a axenda se trata, pero especial tamén nas sensacións… que os músicos gozen de cada concerto como se fose o primeiro e que o público goce de cada tema como se fose a último.
Ademais de concertos por diferentes salas da provincia de Lugo e dalgúns eventos fóra das fronteiras de Galicia, os Doc Magoo’s estarán este mes de agosto en dous grandes festivais: o 1 de agosto poderá gozar do seu directo o público do Festival Son do Arnoia, en Baños de Molgas, e o 9 de agosto estarán no Carude Rock de Monforte de Lemos.
