Dende os seus comezos, o Fancine de Lemos buscou situar Monforte como cidade de referencia do cinema fantástico en Galicia inspirándose dalgún xeito no recoñecido Festival de Cine de Sitges. Cos anos, o certame converteuse nunha interesante plataforma que acolle, en palabras da organización, “narrativas únicas e orixinais que a miúdo non atopan espazo nos circuítos comerciais”, e que “presenta unha coidada selección de obras audiovisuais que non só entreteñen, senón que tamén desafían e inspiran á súa audiencia, fomentando unha comunidade vibrante e apaixonada polo cine”.
Tras dez anos de traxectoria, a edición deste ano preséntase como unha nova etapa que buscará poñer máis en valor o formato da curtametraxe como “vehículo de experimentación, risco e talento emerxente” e tamén “reforzar a relación entre o cinema e o territorio, expandindo o festival máis alá das súas datas habituais”. Na busca destes novos retos e horizontes, así como no reforzo da súa identidade, ten moito que dicir unha das codirectoras, Anabel Soto. Falamos con ela.
Como acepta o reto de ser a directora da XI Edición do Fancine de Lemos?
Con moita ilusión e responsabilidade. Codirixir esta edición xunto a Adán Latonda é un reto apaixonante: buscamos manter a identidade do Fancine de Lemos, que leva once anos medrando coa complicidade do público, e ao mesmo tempo ampliar horizontes. Queremos reforzar a relación entre o cinema e o territorio, coidando tanto a programación artística como as accións culturais e turísticas que fan do festival unha experiencia única na Ribeira Sacra. É un proxecto que vai máis alá das pantallas: conecta cultura, comunidade e economía local, e iso é algo que nos motiva profundamente.
“Queremos reforzar a relación entre o cinema e o territorio”
Pódese dicir que o festival entra nunha nova etapa? Con que obxectivos?
Si, pódese dicir que o Fancine de Lemos entra nunha nova etapa, cun obxectivo claro: expandir o festival máis alá das súas datas habituais. A intención nesta nova fase é desenvolver actividades culturais ao longo de todo o ano, reforzando a presenza do festival no territorio e converténdoo nun proxecto vivo, conectado co tecido social, educativo da comarca.
Protagonista/s nesta edición?
Sen dúbida, a gran protagonista desta edición é a exposición Samuel Bronston: o produtor que trouxo Hollywood a España. Unha mostra que nos mergulla na figura dun dos nomes clave da historia do cinema, responsable de levar superproducións épicas ao noso territorio. A súa presenza en Fancine de Lemos engade prestixio e ofrece unha experiencia única para o público, conectando o cinema internacional coa mirada local.
Cantas curtas se recibiron e cantas entraron a concurso? Mantense ou supérase o nivel doutros anos?
Nesta 11ª edición, o Fancine de Lemos mantén a tendencia de seguimento e crecemento. Recibíronse máis de 200 curtametraxes. En canto ao nivel, non só se mantén a calidade das edicións anteriores, senón que se incrementa grazas á crecente presenza de curtametraxes internacionais: este ano a categoría internacional ten un peso moito maior, evidenciando a expansión global do festival.
“Recibíronse máis de 200 curtametraxes”
Que actividades paralelas destacaría na edición deste ano?
Destaca nesta edición a xa comentada exposición Samuel Bronston. Ademais, a Asociación AGORA colaborou nesta edición cun photocall temático pensado para os máis pequenos, que lles permite xogar, imaxinar e sentirse parte do mundo fantástico do cinema.
Ademais de Monforte, algún outro concello participa e colabora co Fancine este ano?
Neste momento, o Fancine de Lemos está centrado exclusivamente en Monforte de Lemos, apostando por consolidar o festival na súa casa e seguir medrando desde o local. A prioridade nesta nova etapa é fortalecer a relación co público monfortino, co tecido cultural e económico da cidade, e afianzar Monforte como epicentro.

Tras dez anos de celebración deste evento, que condicionantes teñen detectado para que o festival non colla a dimensión que merece e medre como sería desexable?
Tras dez anos de traxectoria, temos moi claro cal é o principal condicionante: o festival vai por diante dos propios axentes políticos da cidade. Contamos cun proxecto sólido, unha identidade consolidada e un seguimento crecente, pero falta que as institucións locais crean de verdade no potencial do Fancine de Lemos como motor cultural, social e económico para Monforte. É así de simple.
“falta que as institucións locais crean de verdade no potencial do Fancine de Lemos como motor cultural, social e económico para Monforte”
Durante a nosa participación no encontro de España Creativa, tivemos a oportunidade de presentar os máximos obxectivos do festival: converterse nun verdadeiro HUB audiovisual para a comarca, un espazo de creación, formación e encontro arredor do cinema e as industrias culturais. O camiño está trazado, só falta apoio real.
HOMENAXE
Este ano o festival poñerá o foco tamén na celebración do aniversario de dúas películas míticas: Tiburón e Jumanji.
Tiburón é unha emblemática película de Spielberg que cumple 50 anos; e Jumanji, de Joe Johnston, outra película de referencia do xénero fantástico que cumpre 30 anos.
Ámbalas dúas películas quedan simbolizadas tamén no cartaz desta XI edición.
