Homesociedade“Aínda que vivo en Pontevedra, sempre digo que a miña casa é...

“Aínda que vivo en Pontevedra, sempre digo que a miña casa é a de Recemunde”, Belén López, pregoeira da Feira Guímara

Coñecemos a esta xornalista que será a encargada de dedicarlle unhas palabras ao evento que dignifica e enche de orgullo ao Pobo Guímaro dende hai unha década. A celebración será este sábado 12 de xullo.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Belén López Rodríguez é orixinaria de Recemunde, no Concello da Pobra do Brollón, e vive en Pontevedra dende o ano 2000. Alí exerce tamén dende ese ano como xornalista cultural no Diario de Pontevedra. Sabemos, ademais, que no eido profesional ten traballado por encargo para outros medios como o dixital Praza.gal e a revista Luzes.

Falando con ela descubrimos que de pequena xa se lle daba ben a redacción. De feito, tanto no colexio da Pobra do Brollón como no instituto en Monforte de Lemos sempre lle gustou participar nas publicacións que se facían. Aínda así, Belén non apreza que daquela estivera nacendo unha vocación, prefire dicir que “na práctica do oficio foi onde me namorei del”. Agora, con perspectiva, confesa que se dedica ao que lle gusta e que está moi cómoda no xornalismo local e cultural.

RELACIÓN COA POBRA DO BROLLÓN

Aínda que vive en Pontevedra dende o ano 2000, Belén di que vén pola Pobra do Brollón moitas fins de semana e nas vacacións para estar coa súa nai e non perder o contacto con Recemunde.

“Aínda que vivo en Pontevedra, sempre digo que a miña casa é a de Recemunde”, confesa. Ademais, tamén nos di que sempre tivo a idea de volver, e mentres iso non sexa posible quere manter a relación coa Pobra con visitas constantes e estar moi pendente do que pasa no concello. “Síntome profundamente vinculada a Recemunde e á Pobra”, sentencia.

“Aínda que vivo en Pontevedra, sempre digo que a miña casa é a de Recemunde”

Falando sobre a actividade cultural do concello, di que se está traballando moi ben e que, por exemplo, na pandemia mantivo a actividade cultural, un feito que foi admirable e recoñecido. “Ten moito mérito que un concello tan pequeno e con recursos moi limitados saque adiante tantas cousas”, sinala a nosa entrevistada. Así mesmo, tamén ten unhas palabras de recoñecemento para o labor de recuperación de memoria histórica que se está facendo e sinala como exemplo terlle dado o nome de Antonio Reboiro á Biblioteca Municipal en homenaxe ao alcalde que fora fusilado durante a Guerra Civil.

FEIRA GUÍMARA

Belén López tamén nos fala da Feira Guímara, evento ao que foi convidada este ano como pregoeira. Dinos que, aínda que non é de caracterizarse, ten participado moitos anos acompañada da súa familia.

Pon tamén en valor o traballo de divulgación histórica de Xurxo Ayán e Olga Novo, entre outros/as, ata conseguir que a veciñanza se identifique co Pobo Guímaro. Nese senso lembra que “para os nosos pais aínda era un insulto, era algo pexorativo que se referiran a ti como guímaro”. E engade, “agora converteuse nunha marca distintiva e de orgullo para os que somos da Pobra do Brollón”.

“para os nosos pais aínda era un insulto, era algo pexorativo que se referiran a ti como guímaro”

No que respecta á programación, considera que cada vez está máis lograda, e que representa un día de festa moi completo para todos, para a veciñanza e para aqueles que visitan A Pobra do Brollón.

Merche Pérez na Feira Guímara deste 2023. Foto: Concello A Pobra do Brollón.

O feito de ser convidada como pregoeira colleuna por sorpresa, “non o esperaba para nada… é a primeira vez que o concello me pide que faga algo para a veciñanza”, confesa. Agradece moito a encomenda e di tamén que “será un orgullo representar á veciñanza ese día”.

Sobre o pregón, a xornalista de Recemunde dinos que tirará “polo lado emocional e polo significado da feira e falando como unha veciña máis”.

ÚLTIMAS

O Quiroga Trail Challenge ‘reinvéntase’

Despois dun agosto fatídico para parte das montañas do Concello de Quiroga por mor...

A Xunta resposta a Tomé sobre a acollida de migrantes no centro de Monforte: “Se demostrou ser solidario debería dar as grazas”

A conselleira de Política Social, Fabiola García, replicou ao alcalde de Monforte e presidente...

Monforte prepárase para o San Mateo

A mesa de seguridade para a celebración do San Mateo estableceu tamén a circulación...