A entrega de premios tivo lugar ás 19:00 h no IBERIK Augas Santas Balneario & Golf, no concello de Pantón. Participaron un total de 21 adegas, con 65 mostras a concurso, 21 de viños tintos, 18 de viños brancos e 26 de viños doutras anadas.
O panel de cata, composto por sete expertos do Consello Regulador (Maira Ratón Fernández, Gelín Fernández, Bruno Lovelle, Rosa Domínguez Domínguez, Pablo Íbañez, José Felicíisimo Pereira Freijido, José Antonio Fernández Somoza) e presidido polo director técnico do Consello, valorou as mostras nunha cata a cegas.
Viños Tintos (Anada 2024):
- Medalla de Ouro: Casa Moreiras da adega Casa Moreiras S.L.
- Medalla de Prata: Prómine da adega Bodegas Petrón S.L.
- Medalla de Bronce: Campaza da adega Casa Moreiras S.L
Viños Brancos (Anada 2024):
- Medalla de Ouro: Viña Vella da adega S.A.T. Virxe dos Remedios
- Medalla de Prata:G Ponte da Boga da adega Adega Ponte da Boga S.L.
- Medalla de Bronce: Peza do Rei da adega Adega Cachín S.C.
Viños doutras anadas:
- Medalla de Ouro: 4ª Generación (Mencía da colleita 2020) da adega Don Bernardino S.L.
- Medalla de Ouro: 1904 Adega Vella(Godello Barrica da colleita 2022) da adega Adega Vella Xeracións S.L.
- Medalla de Ouro: Finca Millara (Mencía Barrica da colleita 2022) da adega Finca Millara Bodegas y Viñedos S.R.L.
Cada viño premiado recibiu un trofeo artesanal elaborado por José Elías González Prieto, mestre oleiro de Gundivós, cuxa obra en barro simboliza a tradición e o arraigamento do viño na Ribeira Sacra.
As autoridades destacan a calidade dos viños da viticultura heroica
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou do acto no que destacou o papel da viticultura na protección da paisaxe e o patrimonio da Ribeira Sacra, “a través da obtención duns viños de alta calidade nun territorio recoñecido pola súa beleza dentro e fóra das nosas fronteiras”.
Durante a súa intervención, a titular de Medio Rural fixo fincapé no gran labor que realizan os viticultores desta zona por manter a calidade dos viños e o xeito ancestral de colleitalo en grandes pendentes, moitas veces sen máquinas, que fan desta tarefa unha viticultura heroica. Ademais, tivo unha especial mención para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade da Unesco polo seu “valor universal excepcional”, así como pola súa “riqueza natural, cultural e histórica”.

Premios cata Ribeira Sacra 2025 / Deputación Provincial
A conselleira do Medio Rural tamén salientou que os viños da Ribeira Sacra son un “gran embaixador” da Galicia Calidade e por iso amosou o compromiso do Goberno galego para que poidan seguir traballando con eses niveles de excelencia.
A conselleira rematou a súa intervención resaltando que estes premios recoñecen o talento, a innovación e o compromiso de todas as persoas que forman parte do mundo da viticultura e trasladou os seus parabéns aos gañadores.
Pola súa banda, o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou “a altísima calidade dos viños que se están facendo na Ribeira Sacra, viños de primeiro nivel, á vangarda no mercado e xa recoñecidos e apreciados a nivel internacional”. Tamén puxo en valor o traballo dos viticultores, adegueiros da comarca e o traballo que desenvolve a Denominación de Orixe, afirmando que “son un exemplo de compromiso coa terra, coa tradición e coa innovación”.