A Sala de Xuntas do Concello de Monforte acolleu esta semana a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade das Festas Patronais 2025. O obxectivo, analizar e organizar o dispositivo de seguridade con motivo das Festas Patronais da cidade, que darán comezo o luns 11 de agosto e que se estenderán ata o sábado 16 de agosto, e para as que se prevé unha gran afluencia de persoas, especialmente no momento das actuacións musicais.
José Tomé e Isabel Rodríguez avanzaron que haberá presenza permanente dos Corpos e Forzas de Seguridade para a prevención, o control e a seguridade dos veciños e veciñas, así como dos numerosos visitantes que cheguen a Monforte neses días, co obxectivo de conseguir o mellor desenvolvemento destas festas populares, destacando o magnífico resultado que esta colaboración institucional supuxo nas celebracións de pasadas edicións.
A Garda Civil prestará a súa colaboración na periferia da cidade, así como nos seus principais puntos de acceso, coa finalidade de levar a cabo controles de velocidade, alcoholemia e outras substancias que alteran a correcta condución de vehículos. A Policía Autonómica centrará o seu traballo na prevención do consumo excesivo de alcol nas zonas cunha maior presencia de persoas.
O Alcalde tamén sinalou que durante o transcurso das Festas Patronais o Concello contará coa colaboración do Consorcio de Bombeiros, para previr calquera eventualidade relacionada con algún tipo de incendio, especialmente nos días en que se botarán os Fogos artificiais de San Vicente, o venres día 15, e os Fogos do Río, o sábado día 16.
Contarase co servizo da Caravana Morada, punto de seguridade, que se instalará nas inmediacións do Parque dos Condes e que informará e visibilizará o rexeitamento das violencias sexuais e sexistas, do acoso e agresións por motivos de xénero de delitos de odio así como de calquera tipo de violencia machista a través de profesionais especializados.
243.000€ na provincia de Lugo para reforzar a súa resposta contra a violencia machista
A subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, salientou a importancia de continuar reforzando as políticas públicas contra a violencia de xénero, tras facerse pública a resolución de asignación dos fondos do Pacto de Estado para o ano 2025. Nesta convocatoria, os concellos da provincia de Lugo recibirán en total 243.988,58 euros, unha cantidade superior á do ano pasado.
O concello de Monforte recibirá 10.909,21 euros nesta nova achega do Goberno de España, “un impulso máis para seguir desenvolvendo campañas de prevención, actividades educativas e servizos de atención que dean resposta ás vítimas e promovan unha cultura baseada na igualdade”. Estes case 11.000€ destinaranse a actuacións de prevención, sensibilización, formación de persoal municipal e reforzo dos servizos de atención e protección ás vítimas. Os programas deberán executarse entre o 1 de xullo de 2025 e o 30 de xuño de 2026.