A vila de Escairón presentou días atrás o programa das Festas Patronais que honran á Virxe das Dores e danlle a benvida ao mes de agosto. Serán do 1 ao 5 deste mes e, mantendo a súa estrutura habitual, seguen apostando por grandes orquestras, eventos deportivos e o atractivo de actividades como a súa tradicional carreira de burros que terá lugar o martes 5 de agosto.
O venres 1 de agosto o grupo de música Baixo Zero abrirá os festexos a partir das 00.00 h. da noite na Praza Maior. Trátase dun grupo galego que, en palabras deles “combina a forza do rock alternativo e o metal melancólico. Coas súas letras e a súa sonoridade, que vai desde o melancólico ata o explosivo, pretenden construír unha proposta propia dentro da escena musical”.
O sábado 2 haberá deporte e verbena. Pola mañá, ás 11:0 h. terá lugar a XIII Carreira Popular “Concello O Saviñao”. A saída será na Praza Maior de Escairón e haberá dúas categorías: infantil e absoluta. Xa pola noite, gran verbena coas orquestras Sinfonía e Galilea a partires das 22:00 h. na Praza Maior.
Na xornada dominical, que comezará cun pasarrúas a cargo da Banda de Prado ás 11:00 h., ás 12:00 h. faranse xogos populares na Praza Maior para a cativada e as familias e ás 13:00 h. será a Misa e a Procesión. Poñerá o remate a esta xornada matinal o concerto da Banda de Prado.
Pola tarde, fútbol, coa celebración do tradicional ‘Trofeo Festas Escairón’ ás 19:00 h. e Gran festa verbena na Praza Maior dende as 21:30 h. coas orquestras Florida e Combo Dominicano.
REMATE DE FESTAS
O luns 4 de agosto, seguindo coas actividades para a cativada, ás 12:00 h. terá lugar a actividade de bicicleta lenta e carreira de sacos no campo de fútbol da Lama e a partir das 17:30 h. atraccións de balde no Campo de Fútbol da Lama con inchables, atraccións acuáticas, festa da escuma e moitas sorpresas máis durante 3 horas.
Para a noite, a partir das 22:00 h. festa verbena coas orquestras Principal e Cinema na Praza Maior da vila.
E como peche, a xornada de fin de festa do martes 5 de agosto terá, como de costume, o atractivo da ‘Gran Carreira de Burros’ que será ás 12:00 h. así como a competición de ‘Tiro de Corda’ infantil e de adultos ás 13:30 h.
Ás 19:30 h. xogarase o Trofeo Excelentísimo Concello O Saviñao entre o Atlético Escairón e o CD Brollón. E xa poñendo o ramo ás festas patronais deste ano, ás 22:00 h. actuación das orquestras Panorama e Nueva Fuerza e Gran Folión de fogos artificiais a partir das 00:30 h. da madrugada.
O Alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto, convida a gozar dos festexos, e afirma que “son posibles grazas á participación de todos os veciños e veciñas que mantedes viva a ilusión, visitantes que nos escolledes para compartir con nós estas datas, e tamén ao traballo incansable do persoal municipal, feirantes e todas aquelas persoas que colaboran na organización”.
