HomesociedadeO lume non dá tregua no Concello de Quiroga

O lume non dá tregua no Concello de Quiroga

Tras cinco xornadas loitando contra el segue descontrolado. Chegou ás portas do Courel e ameaza cada día a varios núcleos rurais.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O incendio que saltou de Larouco a Quiroga o pasado 15 de agosto está arrasando milleiros de hectáreas de monte e poñendo en perigo a moitas aldeas do municipio. No seu avance por Seadur e Larouco puxo en xaque á parroquia de Enciñeira, aínda que ao final non chegou o lume, e á aldea de Vilanuide. Esta última loitou contra as lapas en varias xornadas evitando que o lume chegase ás casas.

Por outra banda, o avance do lume chegado de Larouco pola Rúa, á altura do vertedoiro que ten este concello onde a N-120, entrou de cheo nas montañas de Cereixido e Fiais tras o seu paso polo núcleo rués de Roblido. E precisamente é este fronte do incendio o que preocupa en Quiroga dende ese momento por ser moi virulento e propagarse con moita velocidade e de xeito imprevisible. No seu paso dende a Serra de Cereixido está corneando por varios costados a moitas aldeas e estase aproximando moi perigosamente a outras emblemáticas do Courel como Outeiro, A Seara, O Soldón, O Mazo e Vieiros. Neste punto, Ferramulín (Concello de Folgoso) está en xaque polo incendio de León que entra por Oencia.

Nun primeiro momento foron atacadas algunhas como Cereixido, Vilar de Mondelo, Milarmel, Rugando e Paradapiñol; e nestas últimas xornadas sufriron e están sufrindo diferentes envestidas das lapas: Centeais, Os Alvaredos, Ferreira, San Martiño, Montefurado, Bendollo, e Bendilló.

Esta mesma noite Vilaster e Bendollo foron dous dos nùcleos en situación máis crítica. Entre bombeiros e brigadas, algunha de voluntarios chegados de diferentes puntos de Galicia, conseguiron evitar que o lume entrara nas aldeas. Nesta mañá vixíase desde zonas altas para que o lume non baixe ás casas. Mentres equipos de voluntarios de concellos veciños, como Monforte de Lemos, organízanse para axudar neste incendio e o Pavillón Municipal de Quiroga segue recibindo material de todo tipo para axudar na extinción e na atención ás persoas que loitan contra o lume.

Lume chegando ás casas de Bendilló / XMH

Diferentes medios de extinción (motobombas, brigadistas, medios aéreos, buldócers), veciños/as das propias aldeas e voluntarios/as están evitando que o lume chegue aos núcleos habitados –agás a aldea de Ferreira, onde arderon case todas as casas, e nos Alvaredos, onde ardeu unha vivenda habitada e unha palleira–, se ben a meirande parte da súa contorna está quedando arrasada e deixando cinsa e negrura no que antes era monte e arboreda.

Cartel Alvaredos / XMH

O acoso do lume fixo tamén que veciños e veciñas, sobre todo as persoas máis vulnerables e nenos/as, abandonasen algunhas aldeas en situación crítica voluntariamente e tras advertencia das autoridades. Algúns refuxiáronse en casas de familiares e outros/as no Pavillón e Albergue municipais que ten a disposición o Concello de Quiroga para quen o necesite estes días.

O avance deste lume de Larouco por terras de Valdeorras e do Bolo, sumado ao avance polo Concello de Quiroga, converte este incendio no máis grande da historia de Galicia tras arrasar unhas 20.000 hectáreas.

Axuda Concello de Ribas de Sil

O concello veciño de Ribas de Sil está en modo alerta ante a posibilidade potencial de que o lume puidese atravesar o Sil nalgún momento e ao mesmo tempo ofreceu a Concello de Quiroga medios materiais como unha motobomba para axudar nos labores de extinción, e tamén cedeu o Pavillón ao exército para a súa loxística organizativa.

Lume na proximidade de Vilar de Mondelo / XMH

ÚLTIMAS

O PP de Monforte volve reclamar máis seguridade no paso a nivel da Florida

Este paso a nivel volveuse poñer en funcionamento despois das obras na liña ferroviaria...

O condutor dun camión resultou ferido nunha saída de vía na N-120, á altura de Cereixa

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ao redor das 11:35 horas deste martes,...

Próximas citas de emprendemento e emprego na Ribeira Sacra

A Xornada de Talento Feminino no Rural que se celebrará en Castro Caldelas comezará...

A Conselleira de Medio Rural presenta en Matacás a nova convocatoria de axudas para manter a paisaxe na Ribeira Sacra

No miradoiro das Penas de Matacás, en Castro Caldelas, a Conselleira Maria José Gómez...