O Concello de Chantada celebra as súas Festras Patronais na honra á Virxe do Carme do 21 ao 26 de agosto. Nesta primeira xornada actuarán desde as 23:30h na Praza de Catro Camiños, La Disquetera e Son de Rosas (tributo a La Oreja de Van Gogh). O 22 de agosto celebrarase unha nova edición do Festival de DJ´s que este ano se presenta co nome de “Ata o Chan Festival”, e trae á Praza do Pavillón de Chantada desde as 23.30h un cartel para todos os gustos e as idades, con nomes como Michenlo, Groove Amigos, Carlos López, Marcos Magán e Dmirón.
O sábado, 23 de agosto, Chantada celebra unha das súas citas máis tradicionais, o Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural (BIC). Nesa xornada tamén se dará o pregón das Festas que nesta ocasión estará moi vinculado ao Folión de Carros. O pregoeiro deste ano será Roberto Fernández Álvarez, Doutor en Medicina pola USC e fillo de Don Xilberto de San Pedro, persoa moi vinculada á tradición do Folión de Carros.
Está previsto que o desfile do Folión, que estará encabezado pola Banda de Gaitas do Concello de Chantada e a Agrupación Tradicional da Casa da Música, comece ás 23:00h. A cita organizada pola Asociación Amigos do Folión coa colaboración do Concello de Chantada conta nesta edición con 14 carros participantes.

Ao remate do desfile, Roberto Fernández, lerá o pregón, “Fíxome moitisima ilusión cando mo dixeron. A miña vida, sobre todo a infancia, está moi ligada aos carros. Lembro a meu pai, o Xilberto de San Pedro, que sempre estivo metido no mundo dos carros ou presentando, ou organizando ou facendo os textos para os carros. Sempre están comigo esas imaxes do Folión de Carros de Chantada”, asegura o pregoeiro deste ano. “De cada rúa pola que pasa o Folión teño vivencias moi intensas, será un rememorar a infancia”, asegura. A actuación musical desta noite correrá por conta da orquestra Tango na Praza de Santa Ana desde a 1:00h.
O domingo, 24 de agosto, destaca na programación das Festas o XXXIV Certame de Bandas de Música coa Banda de Música de Chantada, a Banda de Música de Lantaño e a Banda de Música da comarca de Sarria. Ás 18:30h na Praza do Cantón. Nesa xornada actuarán as orquestras Olympus e Cinema. O luns, 25 de agosto, actuarán pola noite o Grupo Top Líder e a orquestra Gran Parada.
O Concello de Chantada pecha as súas Patronais o martes, 26 de agosto, festivo local e xornada na que se celebra a tradicional Festa da Empanada no campo do San Lucas. Para o adecuado desenvolvemento desta celebración establécese servizo de autobuses que circularán permanentemente desde as 11:30h. ata as 21:00h entre a Praza de Santa Ana e o lugar de celebración por un prezo de 3€ a viaxe. O Concello prega que se evite seguir no campo despois de que remate o servizo de autobuses e lembra que haberá actuacións musicais en directo durante a celebración, quedando prohibido o uso de equipos de música particulares. Os concertos nocturnos deste último día de Festas correrán por conta da orquestra París de Noia en Xoán XXIII e a orquestra Capitol na Praza de Santa Ana.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela convida a veciñanza e visitantes a participar das diferentes propostas con opcións musicais para todos os públicos, “Animamos a veciños/as e visitantes a que participen con nós destas festas nas que todos poñemos o corazón, aquí no corazón de Galicia como representa o cartel deste ano, que tamén enxalza a tradición do noso Folión de Carros, a Empanada, a Verbena ou o Reencontro. Convídovos a visitar Chantada durante as nosas Festas”. O cartel das Festas Patronais é obra do artista local, Jon González (JonGo Art).
