World Central Kitchen, ONG que se dedica a ofrecer comida ante crises humanitarias, climáticas e comunitarias, chegou o pasado 15 de agosto a terras quiroguesas. Ademais de estar agora presente neste territorio pasou por outros lugares en situación crítica das provincias de Léon e de Ourense para prestar loxística gastronómica ao persoal que traballa duramente na extinción do gran incendio que saltou ao Concello de Quiroga dende o ourensán de Larouco.
Ademais de contar cunha Food Truck nunha área de descanso da N-120 entre Bendollo e Bendilló, xusto onde está tamén o ‘Posto de Mando Avanzado’ do operativo para a extinción, está levando comida ao Pavillón municipal e ao Albergue de Quiroga. Estes espazos ofréceos o propio concello para xente que tivo que desaloxar algunha aldea e para equipos de traballo e voluntarios.


Como complemento ao despregamento anterior, cóntanos un dos seus traballadores que nun edificio municipal de San Clodio habilitaron tamén unha cociña de montaxe de bocadillos tamén para reforzar a loxística.
AXUDA ANTE A CRISE E APOIO AO COMERCIO LOCAL
Sabemos que en Quiroga contan con dez traballadores para mercar e transportar a materia prima que necesitan –como froita ou barriñas enerxéticas–, e tamén coa que elaboran os menús e bocadillos. Este mesmo persoal encárgase de cociñar, preparar e servir todo o anterior. Pero a infraestrutura desta ONG vai máis alá porque en remoto traballa máis xente que cubre accións humanitarias como esta en departamentos financeiros e de telecomunicacións. Todas as compras que se fan na contorna a provedores locais están xestionadas para que a ONG lles pague todo aquilo que se lles merca a maiores do que queiran doar altruistamente e tamén ofrecen solucións de telecomunicacións cando estas se perden na zona, como é o caso, por mor do lume. Como apoio e complemento ao persoal deste punto loxístico de Quiroga contaron en momentos puntuais máis críticos con voluntarios/as para cociñar, facer bocadillos e servilos.

Un dos coordinadores que está en Quiroga dinos que “ao tempo que axudamos tamén estamos facendo unha inxección económica no comercio local”. Iso é así porque, no caso de Quiroga, están mercando en supermercados e noutros negocios como é o caso dunha coñecida panadería.
“ao tempo que axudamos tamén estamos facendo unha inxección económica no comercio local”
E todos estes contactos que fan nestas accións humanitarias quedan arquivados para ter nas súas bases de datos por se fixeran falta para futuras ocasións que se puideran dar no lugar ou na contorna.
