No acto de presentación participaron Ana Rodríguez Vázquez, responsable do SLG na zona sur de Lugo, e Daniel García Fernández, deputado provincial do Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que destacaron a importancia de crear espazos de diálogo cos viticultores e viticultoras da comarca para analizar a situación da vendima deste ano 2025 e debater os retos e oportunidades do sector.
Lembrouse tamén á poboación afectada pola vaga de lumes que arrasa o país e que afecta a persoas labregas por todo o territorio. Ana Rodríguez tamén falou da situación actual do sector vitivinícola e o obxectivo destas xornadas, “A Ribeira Sacra é a única denominación de orixe vitícola da provincia de Lugo, e levamos desde principios de 2024 reclamando solucións para os problemas que sofre. A supervivencia das viticultoras, dos viticultores e da propia paisaxe que define a comarca depende diso”.
A representante do SLG advertiu tamén sobre os riscos para o futuro do sector, lembrando que a principal adega da denominación de orixe “non vai recoller uva este ano e que as demais seguen con dificultades por mor de enfermidades e da seca”. Coas xornadas aseguran que queren compartir cos viticultores e viticultoras a información que o Sindicato foi recollendo a través do Consello Regulador e das adegas.
As charlas programadas son as seguintes:
- Quiroga: Venres, 29 de agosto, ás 19:00 h – Casa da Cultura
- Chantada: Sábado, 30 de agosto, ás 12:00 h – Local do Sindicato Labrego Galego
- Pantón: Mércores, 3 de setembro, ás 19:00 h – Casa da Cultura
- Sober: Xoves, 4 de setembro, ás 19:00 h – Casa da Cultura
- Taboada: Sábado, 6 de setembro, ás 12:00 h – Casa da Cultura
Completarase o ciclo cunha conferencia en Monforte sobre a Lei da Cadea Alimentaria, aplicada ao sector vitivinícola: contratos, prezos e incumprimentos, a cargo de Orlando Vázquez Yáñez, Xefe do Servizo da Cadea Alimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais da Consellería de Medio Rural. Terá lugar o venres, 5 de setembro, ás 12:00h no Centro do Viño da Ribeira Sacra.