HomeOpiniónDo terroir ao terror (1)

Do terroir ao terror (1)

Coma nós, as comunidades neolíticas marcaban o territorio cos seus mortos, queimaban o monte con rozas e estivadas e mesmo empregaban o lume cunha fin ritual. No monumento megalítico da Muradella (2800 a.n.e.) ergueuse o "cairn" sobre a terra previamente calcinada, no cumio lemavo do Moncai.

Publicado o

POR
Xurxo Ayán Vila, arqueólogo e investigador natural da Pobra do Brollón
- Advertisement -

Romper a terra, furar, besar, ir ás tolas, son pasos dunha cadea técnica que se mantivo até a chegada da Modernidade fascista. Xa antes se pasara das Devesas do Rei medievais aos Plantíos borbónicos da Ilustración. O espazo cartesiano para explotar. Polígonos que obvian a paisaxe histórica e procuran novos lindes en pistas forestais e cortalumes abertos con bulldozers. As comunidades de montes procuran o beneficio rápido, tal como aprenderon no tardofranquismo. As capas de Xeoparque, Rede Natura, Reserva da Biosfera… son invisíbeis para os adoradores da resina e a celulosa.

Plantacioceno / XAV

Os grandes lumes viñeron cando chegaron as putas portuguesas, as motoserras, a farlopa e as bebidas espirituosas modernas. Cando xurdiu a autonomía e entramos en Europa. O ano 1985 é o precedente claro desta nova xeira de pirocatástrofes. Daquela arderan 400.000 hectáreas, e desde a guerra civil non se vira un operativo do Exército español de tal calibre no rural galego. Na festa do Santiago en Castroncelos houbera batalla campal entre soldados e mozos por mor da queima dunha bandeira española. Iso si, os milicos deixaron cartos durante meses na economía local. “Todos contra el fuego, tú lo puedes evitar”.

Até entón o lume era xestionado pola comunidade, do mesmo xeito cós montes, os ríos e os recursos todos. Lembro con dez anos o toque de campá a rebato en Cereixa e os berros pola estrada: ¡Arde Cima de Vila! Cos eidos ainda coidados e con xente a vivir na parroquia, era aquela unha escala asequible. Dado o seu carácter esporádico e excepcional o fenómeno chamaba a atención a veraneantes americanos, emigrantes que nas vacaciòns viñan armados con cámaras de Super 8 e cámaras Polaroid. Por suposto a ningún indíxena lle daba por grabar un lume do mesmo xeito que non se grava un funeral ou un enterro.

Incendio Quiroga 2025 / Facebook Concello de Quiroga

Corenta anos despois esta é a gran diferencia. Agora os netos e netas retransmiten a desfeita en tempo real en Tik Tok, cos seus acentos de Euskadi, Madrid, Catalunya ou Franza. Actúan como corresponsais de guerra e empregan o Facebook para reclamar axuda e medios de extinción. Esas imaxes son un torpedo á liña de flotación da cosmogonía galega. Se os galos tiñan medo de que o ceo caíse sobre as súas cabezas, os galegos morremos se nos arde a casa. Somos “sociedades de casa” que diría Lévi-Strauss. Na miña aldea até fins dos 80 se ardía unha casa toda a veciñanza carretaba, axudaba na reconstrución e pedían polas parroquias lindeiras. Era esta unha lei.non escrita, o meirande símbolo da verba calamidade.

A crise económica, a pandemia, o abandono do rural, os lumes de 2017, 2021 e 2022 fomentaron un sentimento de ruína que explosionou coa destrución do pobo enteiro de San Vicenzo de Leira en Valdeorras. Un veciño ao que lle ardeu a casa declarou ante as cámaras da manipulada televisión galega: “non sei a quen botarlle a culpa porque non sei quen leva a culpa”.

Incendio xunto ao núcleo de Golmar / CARLOS CASTRO / Europa Press

ÚLTIMAS

Como poden axudar os servizos sociais dos concellos?

As situacións de vulnerabilidade, vinculadas á soidade, depresión ou adicións fixéronse máis visibles durante...

A CHMS investirá case 8M€ na mellora do saneamento de Monforte

Este acordo de colaboración dá continuidade ás actuacións contempladas no plan director para a...

‘Showcooking outonal’ por parroquias en Monforte

O Concello de Monforte de Lemos comezou o pasado 21 de novembro unha interesante...

Reúnese a Mesa de Coordinación de Lemos para a mellora da atención as vítimas de violencia de xénero

A Mesa de traballo está composta por profesionais de toda a Comarca de Lemos...