O treito do Camiño de Santiago que vai dende a Pena do Real – Rego de Marzán (Barbadelo) ao lugar da Pena-Chao de Domiz, na “ruta canónica “, cunha lonxitude de 821 metros, vai pola parroquia de Santa María de Belante adiante, a se xuntar co ramal que dende Mouzós e Domiz remata no Chao de Domiz, e despois de atravesar a estrada de Portomarín deixa á dereita as casas do Sistelo e chalés de nova construción na pista asfaltada coincidente coa ruta xacobea. Pasa polas denominacións de Prado do Real, O Real, Chousa do Real, Granxola, Gorgosa, Espiñeiro, Sistelo, Estrada de Portomarín, O Reguengo, Leiro Largo, Agra do Leimán, Trande, Leiro de Cimo da Agra, Horto, A Pena e O Chao de Domiz.

No lugar do Sistelo, que moitos volven en Xestelo ou Xistelo, xurdido darredor da estrada no pasado século, hai cinco casas .
O treito que vai dende o Chao de Domiz á Cruz de Lagartedo, xa unificado, cunha lonxitude de 1.347 metros, que pasa polos casares da Olga e Novelle, e a aldea de Peruscallo, estrema coas denominacións da Granxa, A Devesa, “A Taberna“, Salgueiriños, Cortiña da Olga, Camba Leira Larga, A Chousa, O Chousiño, Cortiña da Porta, Novelle, Pereiros, Horto, Cortiña da Casa, Soutos, Prado do Mazo, Riba da Campa, Lagartedo, Toxeiro de Lagartedo, Penela de Lagartedo e Cruz de Lagartedo. O feito de que pasado Chao de Domiz varios terreos leven o nome de “Taberna“ amosa a existencia dun desaparecido mesón-taberna vencellado á vía xacobea.

Na actualidade un local hostaleiro, onde tamén houbo unha panadaría, un punto de venda de framboesas e un aloxamento turístico en Peruscallo ofrecen os seus servizos aos camiñantes. Neste lugar hai unha fonte de boa auga da que se serven os pelengríns.
No lugar de Peruscallo hai as seguintes casas: Casa Nova, Cabanela, Picouto de Arriba, Currio, Veiga, Núñez, Torre de Riba, Rego e Torre de Baixo.

Fonte de Peruscallo / Ana López
Pasada esta aldea, a “Corga dos Franceses“ vai entre vellos muros de pedra, e para salvar as augas que baixan polo regueiro e se estenden polo camiño consérvanse uns pasos de pedra. A unha e outra banda da carreira hai carballos centenarios que constitúen unha estampa moi suxerente.
En 1761 na parroquia había un estanquiño de tabaco, dous zapateiros, dous artesáns de cortumes cos seus pelamios para facer coiros e un ferreiro. O mazo alí en funcionamento estaba asociado ao tratamento das peles e da la.

Peruscallo / Ana López
A parroquia de Santa María de Belante pasou das mans do Mosteiro de Samos ás do Bispado de Lugo (século XII) e finalmente foi couto señorial en poder de familias fidalgas. En 1753 o Couto pertencía a don Diego de Oca Cadórniga, veciño da cidade de Betanzos, na súa calidade de señor da Xurisdición da Torre de Domiz e Fafián. Entre 1820 e 1823 formou parte do Concello da Pinza e Biville, no Partido Xudicial de Sárria. No ano 1840 integrouse no Concello de Sárria do que, dende entón forma parte.
A igrexa de Santa María de Belante, que conserva interesantes elementos románicos, queda ao sur da ruta xacobea e pasou a depender da Igrexa de Lugo, despois de longo pleito seguido co Mosteiro de Samos. Da antiga suxeizón a Samos quedou o vencello señorial do lugar da Casanova, onde houbo unha capela de San Bieito ou San Martiño, sometido á abadía samonense ata 1835. A parroquia formaba parte do curato da Pinza (A Pinza, Biville e Belante), dentro do alciprestádego de Paradela.

Belante, pórtico norte
En 1873 integraban a freguesía os casares e aldeas de A Abelaira, Belante, A Cabanela, A Casanova, A Lama, O Leimán, Novelle A Pena, Peruscallo e A Puinea, que reunían un total de 31 casas habitadas e 18 vagas. Esta intensidade poboacional nacía do feito de estar atravesada polo Camiño de Santiago (“Camiño de Portomarín“), cuxa influencia é ben palpable se temos en conta que o lugar máis importante, Peruscallo, tiña daquela 19 casas (12 habitadas e 7 deshabitadas), fronte ás 8 existentes na actualidade.
A estrada de Portomarín, aberta dende Mouzós darredor de 1930, pasa polo sur da parroquia e deixa a man dereita a igrexa parroquial, á que se pode acceder con vehículos utilitarios por un estreito camiño. É ruta preferida por un bo número de ciclistas. Bótase en falla a colocación de indicadores que sinalen que o templo está preto da estrada, riba dun paraxe no que se documenta a existencia dun antigo castro.
No lugar do Sistelo, o cruzamento do camiño xacobeo e a estrada de Portomarín (estrada de Pedrafita do Cebreiro a Vendas de Narón), pola súa peligrosidade, deu lugar á instalación de elementos fixos e sinais luminosas, con limitación de velocidade para os automobilistas. Unha cruz feita en formigón sinala a entrada da vía para camiñantes na Agra do Leimán.

Novelle / Ana López