HomesociedadeDo 15 ao 30 de setembro ábrese o prazo para inscribirse no...

Do 15 ao 30 de setembro ábrese o prazo para inscribirse no Programa Activa Monforte

Para esta edición que se desenvolverá entre o 20 de outubro e o 12 de xuño increméntase a partida orzamentaria en 4.000€, alcanzando así os 60.000€, para atender a demanda existente, que crece debido ao éxito que ano tras ano ten este programa.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O programa diríxese especialmente ás persoas maiores de 55 anos co obxectivo de favorecer o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida dos adultos maiores, promovendo o seu benestar psicosocial e o encontro interxeracional, evitando situacións de soidade non desexada e dinamizando as parroquias.

Tal e como subliñou o rexedor, esta nova edición destaca polo aumento do número de actividades e prazas. As actividades, que son gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte e están subvencionadas ao 100% polo Concello.

Segundo os datos do padrón municipal de agosto de 2025 o índice de poboación de persoas de máis de 55 anos no Concello de Monforte é do 43,80% respecto da poboación total. Cómpre salientar que 8.657 persoas veciñas superan este umbral, sendo o colectivo máis predominante de 55 a 79 anos.

“Polo tanto, é un programa especialmente dirixido a estas franxas de idade para promover o seu benestar psicosocial, fomentando a participación social, habilitando espazos de encontro interxeracional, evitando o illamento e as situacións de soidade, e dinamizando as nosas parroquias rurais” subliñou o Alcalde monfortino

Novidades do Programa Activa 2025-26

Unha das principais novidades do plan deste ano é a Ximnasia Acuática, que quedou interrompida polas obras de reforma integral das instalacións. José Tomé anunciou que esta actividade regresa ao calendario do Programa Activa, e detallou que, neste caso, “o inicio do curso está condicionado á apertura das piscinas”.

Ademais, e debido ao éxito acadado polo Obradoiro interxeracional “Av@s 3.0”, que foi unha das novidades da pasada edición, José Tomé anunciou que terá continuidade. “Trátase dun taller no que queremos que participen os avós e avoas cos seus netos e netas, e promover nel o intercambio interxeracional de coñecementos a través de espazos común de convivencia”. A previsión será celebrar este obradoiro en Nadal.

Outra das novidades que desenvolverá o Programa Activa nesta décima edición é o Taller de cociña orientada á nutrición e á alimentación saudable, dirixido a persoas maiores e impartido por especialistas nesta materia.

Actividades no Centro Cívico e nas Parroquias

Polo que respecta ao CENTRO CÍVICO, o Concello destina un total de 436 prazas, que son 57 máis que na edición anterior, distribuídas en 26 grupos, 5 máis que en 2024.

As actividades a desenvolver no Centro cívico agrúpanse en dous bloques segundo a idade dos participantes:

  • Dirixidas a persoas maiores de 55 anos, que teñen como obxectivo principal promover o envellecemento activo das persoas maiores.
  • Dirixidas a persoas maiores de 16 anos, que teñen como obxectivo principal posibilitar espazos de encontro interxeracional.

A oferta de actividades neste Centro Cívico é a seguinte:

  • Ximnasia de mantemento para maiores
  • Ximnasia Acuática
  • Taichi
  • Ioga
  • Conservando a memoria
  • Competencias dixitais para uso cotián con 3 niveis: iniciación, intermedio e avanzado.
  • Informática básica
  • Cerámica
  • Manualidades
  • Costura básica
  • Costura creativa
  • Baile Caribeño, con 2 niveis: iniciación e perfeccionamento.
  • Bailes de Salón

Nas PARROQUIAS, o número de prazas ofertadas a través dos seus locais sociais é de 216, están dirixidas ás persoas veciñas de cada parroquia, e inclúense as actividades máis demandadas por aquelas, que son:

  • Conservando a memoria
  • Cerámica
  • Manualidades
  • Costura creativa
  • Costura básica
  • Ximnasia de mantemento
  • Bailes de Salón
  • Bailes Latinos

Reservarase 1 praza para persoas con discapacidade en cada unha das actividades e no caso de que estas persoas necesiten axuda durante o desenvolvemento da actividade poderán ir acompañadas doutra persoa.

As persoas interesadas en participar nas actividades do Centro Cívico deberán presentar a súa solicitude, segundo o modelo normalizado, no Rexistro Municipal do Concello, na Secretaría de Servizos Sociais ou a través da Sede Electrónica municipal (sede.monfortelemos.es). No caso das actividades das parroquias, poderán solicitalas os representantes das parroquias, pedáneos ou asociacións, podendo facelo no Centro Cívico dentro do prazo establecido, e a actividade realizarase no local social correspondente.

ÚLTIMAS

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...