Falamos con Julio, orixinario de Fión, no Saviñao, e coñecido por rexentar xunto á súa dona Loli a Pizzería ‘O bon gusto’ en Monforte dende o ano 1991. Segundo nos contan, tiveron unha pizzería en Castellón de la Plana durante uns anos e foi alí onde Julio aprendeu o oficio cun cuñado italiano. Tempo despois tomaron a decisión de volver á súa terra coa intención de montar unha pizzería e aumentar a familia.
Cando empezaron, xa na cidade do Cabe, estiveron durante 5 anos no local que actualmente ten o bar O Criollo, na rúa Chantada, e despois xa se estableceron onde están agora, na mesma rúa pero no número 32.
“a primeira pizzería de Monforte especializada fomos nós”
Seica cando chegaron, había sitios onde facían algunha pizza de cando en vez pero segundo Julio “a primeira pizzería de Monforte especializada fomos nós”.

OS PRIMEIROS ANOS
“Os primeiros anos foron marabillosos”, di Julio con entusiasmo ao tempo que explica as contraindicacións que lle trasladaba algunha xente; “todo o mundo me dicía que ía competir coa empanada, pero ao final tiven un éxito brutal que dende que abrín enchín todos os días e nin sequera daba atendido porque só collía a 50 persoas e era imposible meter a máis xente”.
Nese senso, conta que cando deu o paso de deixar Castellón para vir a Monforte non o animaba moito a xente do seu entorno, nin a de alí nin a de aquí. Foi un momento importante da súa vida. Daquela non tiña fillos e Julio pensaba “ou os temos aquí ou os temos alá”… Ao final a parella deu o paso e considera que a decisión foi “boísima”. Implicou certo risco porque non sabían como ía funcionar o negocio da pizza aquí, aínda que nos comenta que sabía dun que había na entrada de Escairón que estaba funcionando, pero tiraron para adiante con todas as consecuencias.
ÉXITO DENDE O PRINCIPIO
Julio confesa que a pizzería funcionoulles dende a apertura. Que foi un éxito total, e incluso chegada a pandemia esta non lles afectou para nada. No primeiro peche non repartiron pero no segundo si.“A nós a pandemia non nos afectou, fastidiou a moita xente, pero a nós non nos fastidiou no traballo”, comenta Julio. Estaban Julio e Loli na cociña, e un fillo repartindo e non daban a basto.
“A nós a pandemia non nos afectou, fastidiou a moita xente, pero a nós non nos fastidiou no traballo”
Cóntannos tamén que, aínda que foron poñendo algunha cousa que outra, a carta mantivérona igual dende o principio porque todas as pizzas que se facían e fan teñen saída e funcionan. “Se non funcionaran habería que sacalas”, explica Julio.
O bon gusto caracterizábase dende o principio porque, ademais de poder comer no propio local, moita xente encargaba e pasaba recoller as pizzas para comelas despois na casa. E foi a partir da pandemia cando tivo que ofrecer tamén a posibilidade da entrega a domicilio porque o cliente adaptouse a que se serviran na casa e tiveron que mercar un coche para empezar a repartir.

“NON ME AFECTOU A COMPETENCIA”
Julio comenta que o negocio sempre lle foi ben, e nas fins de semana e festivos sempre encheu. Preguntámoslle se o aumento da competencia en Monforte, con máis establecementos que ofrecían pizza e incluso coa aterraxe dalgunha franquicia de marca coñecida, lles puido afectar algo e dinos con firmeza que non. “Poderán vender pizzas, pero a min non me afectou nada. Eu seguín e sigo vendendo pizzas… á novidade sempre van ao primeiro pero despois volven”, dinos o noso entrevistado.
NOS FOGÓNS
Ao fronte da cociña, dende o principio á actualidade, estiveron os nosos anfitrións –Julio e Loli–, e axudando tamén os 2 fillos ademais de persoal de reforzo en tempadas nas que “non daban feito”.
A materia prima sempre de primeira calidade e para facela, Julio sinala que “iso de que o segredo está na masa tampouco é tanto… é facela normal e corrente”.
Referíndose á elaboración, o noso pizzeiro explica: “Eu non sei o que lle botan os demais, eu amaso como o pan, como me ensinou miña nai sempre. Amaso como o pan e fago a pizza como o pan. Ensináronme así dende pequeno, e vendo como facía miña nai. Sigo así e funcionei alá en Castellón e funciono aquí. Hai moitos que lle botan ovo, outros que lle botan leite, e outras cousas… eu iso nunca fixen iso e funcionoume igual”.
En canto aos ingredientes das pizzas tamén di que el non é partidario de recargala. “Ten que estar cargada o xusto. Non podes botar nunha pizza vinte cousas porque despois non sabe a nada concreto”, di.
CLIENTELA
Julio presume de ter unha clientela moi fiel e tamén moi familiar. Fala de moita xente de Monforte e contorna pero tamén de moitas familias de fóra, de Madrid, Barcelona… que “xa non son clientes, son como da familia”. “A xente ao chegar non se senta, vaite buscar primeiro ao mostrador ou á cociña”, di con satisfacción. Trátase de familias que son fixas en diferentes épocas do ano nas que veñen e para eles iso é moi gratificante.
Como anécdota relata Julio que ao chegar de Castellón, entre outras cousas, dicíanlle que a xente maior non ía comer a pizza. E nada máis lonxe da realidade, a súa pizza gusta independentemente da idade e presume de ter clientes que pasan dos 70-80 anos.
“A xente ao chegar non se senta, vaite buscar primeiro ao mostrador ou á cociña”
ANUNCIO DE PECHE
Ao día seguinte de avisar que se pechaba ‘O bon gusto’ a reacción da clientela foi inmediata. Relata Julio que moita xente achegouse a darlles ánimos e as grazas, “pero non poden darme as grazas, teño que darllas eu a eles”, comenta emocionado ao tempo que lembra que “apareceron comentarios nas redes sociais moi emotivos que case se che baixan as lágrimas das cousas que che din… son moitos anos e moitas familias que piden sempre… son xa como da familia”. “O outro día díxome unha señora que por que non esperaba un ano máis e eu contesteille que cando pase un ano vostede vaime dicir o mesmo…”.
Dende que se publicou e saíu nas redes sociais que ‘O bon gusto’ pechaba, comenta Julio que a repercusión foi brutal. “Hai xente que lle ten dito ao repartidor que por que non esperan un pouco máis para pechar… dá pena, pero nalgún momento temos que facelo”.
Anunciaron que ían deixar o negocio por xubilación e por non poder darlle continuidade. O peche aínda non foi efectivo e sabemos por Julio que non pode precisar a data concreta de remate porque primeiro quere valorar un posible traspaso e mentres ir acabando as existencias que ten.