Homesociedade"As aldeas non poden quedar indefensas", Agroma Sober-IGV reclama un cambio de...

“As aldeas non poden quedar indefensas”, Agroma Sober-IGV reclama un cambio de rumbo na prevención de incendios forestais

O Grupo Municipal Agroma Sober, integrado en Interior Galego Vivo, vén de rexistrar unha moción no Concello para o seu debate este 25 de setembro, no Pleno ordinario, reclamando un cambio profundo nas políticas de prevención de incendios tras o grave lume de Pombeiro, que arrasou arredor de 2.000 hectáreas e puxo en risco vivendas e vidas tanto en Sober coma en Pantón.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O cambio climático impón que os grandes incendios vaian ser frecuentes, polo que as administracións locais deben actuar no marco das súas competencias: “a xente é consciente de que se este lume ten lugar cando se produciu a vaga de agosto, as aldeas queimaríanse e o risco para a poboación serían maior. Non se pode mirar a outro lado, hai que crear xa unha comisión de prevención de incendios xunto cas parroquias e deseñar perímetros, corta lumes e bocas de auga en todas as aldeas” – sinala, Paula Vázquez Verao, voceira da organización -.

“Os concellos da chamada Ribeira Sacra teñen que deixarse de meter millonadas en festivais e feiras do viño e protexer á xente, paisaxe e economía tradicional, que é o que permite ter viño e turismo. A disxuntiva é ou patrimonio real da xente, ou decorado (calcinado),” insisten desde Agroma Sober.

Aseguran que, malia que a Xunta ten a maior parte das competencias, os concellos tamén teñen obrigas legais que non se están a cumprir, “como a actualización dos plans de prevención ou a vixilancia das faixas de xestión da biomasa, deixando na veciñanza a responsabilidade de alertar sobre quen non mantén limpas as fincas”.

“As aldeas non poden quedar indefensas”, afirma Agroma Sober. Cómpre un gran debate social e un acordo amplo para afrontar os retos do futuro: o cambio climático acelerado e o proceso de despoboamento de décadas que vivimos na nosa comarca favorece a virulencia dos lumes, co retroceso das terras agrarias, a proliferación das plantacións de piñeiros sen ordenar (herdanza das políticas franquistas) e as pistas e camiños intransitables.

Propostas de Agroma SobER

O grupo de IGV formula unha batería de medidas que deberían marcar a folla de ruta dos vindeiros orzamentos municipais e dun debate social amplo sobre o futuro do medio rural. Entre elas destacan:

  • Transparencia: información pública sobre a execución do Plan Municipal de Prevención, mapa das zonas afectadas e auditoría da Xunta sobre as brigadas municipais.
  • Protección Civil: creación dunha Comisión Municipal de Prevención de Incendios con participación veciñal e actualización do Plan de Protección Civil.
  • Cultivos forestais: erradicación dos eucaliptos en 2028, control das plantacións ilegais e fomento da castaña e doutros usos alternativos do monte.
  • Sanidade: revisión das traídas de auga e fontes parroquiais tras os lumes.
  • Faixas de biomasa: contratación de dous técnicos forestais estábeis, vixilancia e axilidade municipal dos incumprimentos e mellora das pistas, accesos e bocas de rego en todas as aldeas.
  • Plan de emerxencias da Ribeira Sacra, proposta que xa teñen lanzado colectivos como a Federación de asociaciós da Ribeira Sacra.
  • Trasladar a ADIF a urxencia de retirada do material de restos da obra da vía Monforte-Ourense, asi como dos desperfectos, na zona entre Areas e Santo Estevo, que constitúen un risco medioambiental.
  • Agrogandeiría: apoio a proxectos de gando extensivo e creación dun rabaño municipal de cabras para limpeza do monte.
  • Estabelecemento dun plano de ordenación do territorio coa recuperación dos usos agrarios como prioritarios.
  • Axudas: solicitar ao abeiro do Decreto 76/2025 a reparación de danos e declarar as zonas afectadas como de emerxencia de Protección Civil.

Incendio de Pombeiro setembro 2025 / Agroma Sober

“O Patrimonio da Humanidade revelouse como simple decorado para a propaganda, cando a realidade é unha total falta de planificación e ordenación do territorio e que pon en risco aldeas e vidas por igual. Fronte á posta idílica que se quere vender, a realidade é a do abandono institucional máis descarnado”, conclúen.

ÚLTIMAS

“Mulleres con luz propia”, actividade destacada na celebración do 8M en Monforte

O Concello de Monforte vén de presentar as actividades para a celebración do 8M,...

457.000€ para mellorar o servizo de recollida de lixo no Saviñao

Entre o novo material destaca un camión con sistema de carga traseira, destinado á ...

Dous meses de actividades educativas e de concienciación en Chantada para celebrar o 8M

A programación de actividades comezará o venres, 6 de marzo, co contacontos, “Somos iguais...

O luns, 2 de marzo, abre o novo Ximnasio Municipal  

Coa apertura do novo ximnasio complétase a renovación integral do Complexo Deportivo da Pinguela,...