HomePolíticaJulia Rodríguez, presidenta do PP monfortino, necesita reflexionar

Julia Rodríguez, presidenta do PP monfortino, necesita reflexionar

A deputada autonómica e portavoz dos populares no Concello de Monforte, di que lle corresponde reflexionar diante dos últimos acontecementos.

Publicado o

- Advertisement -

Julia Rodríguez, nunha entrevista a Onda Cero Monforte, chama á prudencia diante das especulacións do seu posible abandono da presidencia do PP monfortino despois de que a dirección provincial designara como candidato á alcaldía ao médico José Miguel González Lemos.

Tras ser preguntada por Xornal de Lemos sobre esta posibilidade, comenta que non é así, que seguirá asumindo as responsabilidades dos cargos que ostenta tanto a nivel local como autonómico aínda que recoñece que se abre para ela un tempo de reflexión. Foron meses de certa tensión e certo despropósito, con moito traballo e vontade pola súa parte e igual procede algún movemento respecto ás súas responsabilidades e cargos políticos, “pero xa se saberá” é o máximo que nos chegou a dicir.

Tras o intento de nomeamento como candidato á alcaldía de Roberto Eireos, que tanto molestou ás bases do PP monfortino e que fixo recuar ao propio Eireos, Rodríguez postulouse para repetir como candidata pero nin así puido ser. Transcorridas unhas dúas semanas dende o seu ofrecemento, avalado pola dirección local do partido, anunciaba que retiraba esta proposta e renunciaba a encabezar a candidatura en Monforte. O silencio da dirección provincial para liderar a candidatura foi o motivo principal desta renuncia.

Disque o que cala outorga, pero neste caso nada máis lonxe da realidade, Julia entendeuno máis como un “silencio administrativo negativo” e non tiña sentido esperar máis por respecto aos afiliados e votantes e tamén para non danar máis os intereses do partido sen unha solución de continuidade.

Así as cousas, e segundo fontes de Europa Press, o PP provincial tomou cartas no asunto e explicou, nun comunicado, que se consultou cos presidentes do PP de Monforte desde os últimos 20 anos e tamén ao presidente do comité electoral local na procura dun candidato de consenso de cara ás vindeiras eleccións municipais. “Tras a súa valoración como representantes do Partido Popular na cidade do Cabe, a totalidade dos últimos cinco presidentes locais e o presidente do Comité electoral”, subliña o comunicado, apoian o nomeamento como candidato do PP á alcaldía de Monforte de José Miguel González Lemos.

Nunha entrevista que tivo en Onda Cero Monforte, Julia Rodríguez lembrou que ela mesma levou ao novo candidato nas listas de 2015, para seguidamente desexarlle “moita sorte e moito éxito neste reto de encabezar o PP de Monforte”. Á pregunta sobre se irá na lista que elabore o novo candidato, Julia dixo que ninguén lle ofreceu conformar parte nunha candidatura e que sería precipitado adiantarse aos acontecementos. Abondando na pregunta sobre que fará se lle ofrecen formar parte da nova candidatura dixo que iso son especulacións sobre algo que non aconteceu e que non correspondía responder.

A entrevistadora, Manola Porto, preguntoulle tamén sobre un ruxe ruxe que a sitúa como candidata de Ciudadanos en Monforte. Rodríguez dixo que era tempo de especulacións e con tanta actividade previa a unhas eleccións esa “rumoroloxía” era algo normal ao que non hai que darlle máis importancia.

O candidato José Miguel González Lemos será presentado oficialmente o sábado en Monforte, nun acto que contará coa presenza de cargos do PP de Galicia e da provincia.

ÚLTIMAS

Coque Malla, Dorian e Abraham Mateo nas Patronais de Monforte

Nas Festas Patronais deste ano haberá 6 concertos principais, todos eles acompañados de orquestras...

Volven á Ribeira Sacra os Trens Turísticos de Galicia

Esta experiencia ofrece a oportunidade de explorar o patrimonio natural, cultural e gastronómico da...

Monforte contratará a 3 traballadores co Aprol rural

A voceira popular, Katy Varela, pon en valor que a concesión desta subvención facilitará...

“Cabaliño de Lugo” de Lucía Pérez chega á Praza de San Marcos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañou este xoves pola tarde...