HomeComarca de QuirogaQuirogaQuiroga celebra este 25 de outubro o QuiMedo con 8 casas do...

Quiroga celebra este 25 de outubro o QuiMedo con 8 casas do terror

Este luns presentábase na casa consistorial de Quiroga o VI QuiMedo. Os organizadores, xunto o alcalde José Luis Rivera, e varios concelleiros do Equipo de Goberno, foron os encargados de explicar todas as novidades dunha das festas de terror máis importantes do Samaín en Galicia.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A cita do terror pechou o prazo de inscricións unha vez se acadaron os 1.200 participantes. Soamente queda un pequeno número que se reserva para poñer á venda o propio día 25, dúas horas antes do comezo do recorrido.

Para os que aínda non coñezan esta cita, trátase do recorrido por un gran túnel do terror polo casco urbano de Quiroga e Pacios de Mondelo. Formado por oito casas debidamente ambientadas e cada unha cunha temática. Dentro destas casas moitos voluntarios –máis dun cento- caracterizados coa única misión de poñerlle medo, moito medo, a todos os que se atrevan a entrar. Pero non só nas casas, se non tamén no recorrido para chegar a elas pode haber sorpresas.

Os organizadores xa anunciaron o nome das casas para irse facendo unha idea do que se pode atopar dentro. A primeira das casas será “A Monxa”. Un pequeno convento no que a monxa máis devota, fixo un pacto coa escuridade. Agora, o seu espírito vaga buscando novas almas que confesen os seus pecados… aínda que non teñan feito ningún.

A segunda das casas leva por título “O Espantallo”.  A maldición dunha  vella granxa esquecida entre os montes,na que din que cada noite, cando o vento sopra entre o millo, os espantallos cobran vida.

A terceira das casas leva por nome “O taller da morte”. Un vello taller mecánico pechado ,algo terrible  aconteceu dentro e as luces seguen acendéndose cada noite… Se escoitas o ruído dun motor mentres camiñas preto… non te achegues.

A cuarta casa, “Piratas 2”. O ano pasado, o Barco Pirata afundiu nas augas de Quiroga… Agora, os restos do navío emerxen entre néboas e berros. Os piratas regresan buscando almas e vinganza.

A quinta é “O Inferno”. Din que debaixo da terra, nas profundidades máis escuras de Quiroga, hai un lugar onde o lume nunca se apaga… Un lugar onde as almas gritan sen voz…

A sexta localización é “O último de Nos” inspirada no mundo apocalíptico de The Last of Us, pero con sabor a Galicia profunda: madeira húmida, pedra fría e o medo latexando baixo cada fungo. Os poucos sobreviventes refuxiáronse no vello colexio do Quimedo, onde cada noite, os berros dos infectados resoan polas corredoiras.

A sétima casa leva por nome “Mac Guarro”. A casa máis extrema desta edición  na que os participantes poderán decidir ata onde poden chegar os figurantes a hora de meter medo, colocándolle un colar fluorescente para poder ser identificados.

E por último o derradeiro pasaxe do terror é a casa “Survival. O Laberinto”. Aquí os participantes terán que intentar sobrevivir antes de ser atrapados no interior do labirinto maldito.

Personaxes terroríficas do Quimedo (arquivo). Foto: Org. Quimedo.

O pavillón municipal, centro neurálxico do Qui-Medo abrirá a partir das 19:00h para que o líder de cada grupo se achegue a recoller as pulseiras de entrada ás casas e tamén para o inicio da festa infantil, aberta a todos os nenos e nenas sen necesidade de inscrición.

Ás 21:30h darase o pistoletazo de saída dende o pavillón para visitar as casas do terror. Durante tres horas, tempo marcado para o recorrido, cada grupo deberá seguir un mapa trazado pola organización para evitar as grandes aglomeracións na entrada das casas.

Unha vez que os participantes rematen o recorrido, comprobando si o QuiMedo VI foi tan terrorífico como promete, nova xuntanza no pavillón municipal para desfrutar da Horror Night a cargo do Dj Pablo da Disco Móvil Dolce Vita.

Desde a organización do Quimedo, queren agradecer o apoio do Concello de Quiroga, aos voluntarios e por suposto, aos participantes que desde hai seis anos se achegan desde diferentes puntos para desfrutar dunha terrorífica noite na vila de Quiroga.

ÚLTIMAS

“Perdida no labirinto” de Violeta Bernardo amplía o proxecto de Soterradas en Tor

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, acompañado da xerente da Rede Museística...

Arrinque exitoso de inscricións no Quiroga Trail Challenge 2026

O pasado 13 de outubro abríronse as inscricións para unha nova edición do Quiroga...

A entidade AGORA presenta a reforma do aseo do seu Centro de Atención Diurna

Co fin de  mellorar as súas instalacións e que as mesmas sexan un referente...

O PP de Monforte presenta unha moción para mellorar a seguridade da estrada provincial en Piñeira

A voceira popular, Katy Varela, explica que os traballos realizados non contemplaron o aumento...