HomeOpiniónOpinión: Noite de Ánimas ou Noite dos Defuntos

Opinión: Noite de Ánimas ou Noite dos Defuntos

Hoxe, ten lugar a 'Noite das Ánimas' ou 'Noite dos Defuntos', dúas referencias populares para falar da noite do 31 de outubro ao 1 de novembro. Aquí vos deixamos unha achega divulgativa sobre esta celebración tirada da recollida que fixo a entidade Segredos de Pantón.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

A partires das 24:00 h. estaremos xa no mes de novembro, mes denominado como “de Santos” ou dos “Mortos”. E nesta noite que nos leva ao Día de Santos, coñecida como ‘Noite de Ánimas’ ou ‘Noite dos Defuntos’, deberiamos ter en conta as sentencias que nos ofrece o noso refraneiro:

– No día de defuntos, memoria e frío van xuntos.

– Por Santos, campos verdes e montes brancos.

– De Santos a Nadal, é inverno de verdade.


Levade conta dos trasnos, Quitapés, Santa Compaña, meigas e demachiños que de aquí en adainte andarán facendo das súas polas casas, carreiros solitarios ou na escuridade da noite…

Para coñecer máis sobre estes seres anexamos unha infografía das nosas criaturas escuras.

Aproveitando estes días aquí vai unha historia acontecida segundo contan hai máis de 100 anos polas terras de Ortelle:

Preto de Ourense casaron dous rapaces e despois viñeron de caseiros para a parroquia de Vilar de Ortelle. A nora e a sogra levábanse mellor ca se fosen mai e filla. Así que cando a sogra estaba para morrer, pediulle á nora que lle dese a man dereita, cousa que ela fixo a boa fe. A sogra morreu e, despois que morreu, á nora empezáronselle a aparecer persoas estrañas, xentes que se cadra non existían ou polo menos ninguén máis as vía. Esas persoas falábanlle e dicíanlle que fose canda elas, que fose canda elas facer dano por aí, facer mal nas xentes e nas propiedades. Aparecíanselle de noite e de día, cando menos o agardaba, e xa non sabía como resistirse. Para loitar contra as aparicións, que a poñían moi excitada, mercaba carne. Roía na carne e tranquilizábase. Deu en roer compulsivamente e o carniceiro decatouse do conto e foillo contar ó marido. Ela non tivo máis remedio que contalo todo. Pero nada cambiou. Seguían as voces e as aparicións.

Daquela o home marchou a un convento expoñerlles o caso ós frades, que lle mandaron levar a muller.

—Seguiches as indicacións dos aparecidos? –preguntáronlle, e ela:
—Resistinme.
—Fixeches algo malo?
—Aínda non. Resistín.

Daquela, os frades esconxurárona e as aparicións non volveron. Noutra ocasión un home de Marce, o Chiquillo, que estaba xa nas últimas, pediulle a unha muller embarazada que o fora ver que lle dera a man dereita. Ela deulla, e no mesmo intre el faleceu. A muller tivo unha pequena que pasaba as vintecatro horas do día chorando. Levarona a tódolos médicos da contorna, e nada.

Por fin acordaron ir onda o cego de Allariz. O cego díxolle que era a alma do Chiquillo, que lle pasara ó darlle a man dereita, e que, non podendo con ela, apoderárase da nena.

—Toma estes pos. Se chegas a tempo de que os tome, salvas a pequena.
Pero baixando para Marce xa oíron a campá da capela que tocaba a morto. O Chiquillo leváraa.

TRADICIÓNS DA NOITE DE DEFUNTOS

Segredos de Pantón convida a coñecer algunhas tradicións da Noite de Ánimas, lendas, historias e máis curiosidades na súa páxina web: https://segredosdepanton.wixsite.com/panton/noitedasanimas

ÚLTIMAS

“Eu sempre teño a porta aberta”, Javier Monterde, avogado na Pobra do Brollón

Javier Monterde Piguillen naceu en Barcelona, no barrio da Sagrada Familia, e o seu...

Unha consultora especializada redactará as bases para a renovación do contrato da auga en Monforte

A Xunta de Goberno Local de Monforte deu luz verde á contratación dos traballos...

“Stop agresións”, o 5 de febreiro ás 12:00 concentración do Hospital de Monforte

Segundo o sindicato, a Dirección do Hospital Comarcal de Monforte ten que tomar as...

Entrega de premios do certame de Poesía Infantil Nadal 2025 en Monforte

Este concurso, convocado pola Biblioteca Pública Municipal en colaboración coa Biblioteca Nodal de Lugo,...