O Concello de Monforte acollerá a vindeira semana unha interesante actividade que axudará a informar á poboación sobre un tema de gran interese na actualidade: a ciberseguridade.
A iniciativa, que parte do Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (INCIBE), desenvólvese a partir dun ‘roadshow’ que terá como punto de referencia un camión que estará na Explanada da Compañía do día 11 ao 15 de novembro en xornadas de mañá e tarde. O acceso é libre, de balde e para todos os públicos, tendo un horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas de martes a venres, e de 11.00 a 15.00 e de 16.00 a 20.00 horas o sábado 15 de novembro.
Ademais deste punto de encontro informativo e lúdico, organizaranse –en colaboración co Concello de Monforte– visitas cos diferentes centros educativos da cidade co obxectivo de que os estudantes poidan ampliar os seus coñecementos nesta materia, xa que a ciberseguridade e a confianza dixital son dous dos retos máis importantes aos que se enfronta a sociedade actual.
Segundo refiren dende o concello, “a través desta iniciativa, INCIBE quere elevar os niveis necesarios de cultura en ciberseguridade que calquera usuario debe posuír para desenvolverse con confianza e seguridade na era dixital. Por iso, o fomento da cultura da ciberseguridade converteuse nun un dos eixos centrais a desenvolver polo Goberno de España a fin de contar cunha sociedade máis coñecedora das ameazas e desafíos ós que se enfronta”.
EXPERIENCIA ROADSHOW
O roadshow que promove o INCIBE contará con dúas zonas (interior e exterior) con diversas actividades de concienciación, formación e lúdicas como un escape room de ciberseguiridade e xogos online.
O espazo interior, con capacidade para 30 persoas dentro do camión, contará cunha área de gamificación para xogos en liña; zona expositiva de charlas e contidos didácticos; e un escape room, onde superar riscos dixitais e desenvolver accións para evitar e xestionar ameazas.

No que se refire ao espazo exterior, con aforo para 36 persoas, habilitarase unha zona de xogos e unha cabina para poder contactar co 017, o servizo ‘Tu Ayuda en Ciberseguridad’ de INCIBE. Este formato permite manter a equidade no acceso á información e a capacitación a calquera nicho de poboación, achegando os contidos, medios e recursos a calquera colectivo, en calquera localización, en igualdade de condicións.

