A libraría Entre Libros de Monforte de Lemos acolle este venres 14 de novembro ás 20:00 h. a presentación literaria do poemario “Vestidos de organdí” (Editorial Belagua), da escritora quiroguesa Pura Tejelo. No acto estará acompañada da tamén escritora Celia Díaz, e do músico e compositor Manuel R. Crespo, artista que ofrecerá unha breve actuación musical.
A OBRA
Na procura de respostas sobre o ser, o tempo, a morte ou o significado da vida, “Vestidos de organdí” mestura referencias a diferentes culturas, mitoloxías e obras literarias con imaxes da nosa caneidade. Válese para iso dunha pluralidade de voces que enfrontan adversidades e cuestionan a natureza da vida, a finitude, a transitoriedade e a inevitábel transformación de todo o que nos rodea.
PURA TEJELO
Licenciada en Historia Moderna e Contemporánea pola USC, exerce como profesora de Lingua e Literatura no ensino medio, onde ten participado en diferentes proxectos de innovación educativa e integración con inmigrantes. Así mesmo, exerceu cargos de xerencia na asociación cultural O Facho da Coruña para a que coordina os certames de poesía e relato. Tamén cursou estudos de Debuxo e Deseño Publicitario na Escola Picasso da Coruña.
Publica na revista Dorna (1981), colaborando tamén nas revistas Festa da palabra silenciada, Clave Orión e Olga, revista poética galega en Madrid. Aparece citada na Antothology of Contemporany Galician Women Poets (1989) de Katheenn March.
No 2014 recibe un premio no Certame de Poesía Manuel María en Euskadi e no 2016 recibiu o premio Johan Carballeira de poesía por A elegancia do século (Xerais, 2017), reeditada no 2018. Na editorial Urutau publica As horas de Hanna (2019) e Novembro (2021). Este mesmo ano resulta elixida como representante do Día da Poesía polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo.
Nestes anos recentes cómpre referenciar as súas colaboracións na Antoloxía Biosbarda para Parche (Ruín Alteredicións, 2022), e en Aquén do mar: Cantos de serea na luz da fin da Terra, de Alexandre Nerium (Chan da Pólvora, 2023).
CELIA DÍAZ
Celia Díaz é escritora e profesora de ensino secundario. Naceu no Páramo e aos poucos anos trasladouse a Quiroga, concello co que garda moita relación dende aquela aínda que teña fixada a súa residencia habitual na cidade de Ourense, onde exerce como profesora de Lingua Galega e Literatura.
No que respecta á formación, estudou bacharelato en Monforte de Lemos, e despois licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Tamén é diplomada en Maxisterio pola Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo e en Estudos Avanzados en Teoría da Literatura pola Universidade de Vigo.
O seu apego e compromiso con Quiroga levouna a recibir o título de “Filla Adoptiva” no 2018 e no apartado literario destaca por ter obras publicadas en diferentes xéneros e para diferentes públicos. Así, pois, destaca por ter escrito varias obras de teatro e de narrativa infantil e xuvenil, catro novelas para público adulto, unha obra de ensaio sobre escritores quirogueses, e moitos traballos de material didáctico para a Editorial Anaya.
MANUEL R. CRESPO
Manuel R. Crespo é fillo de Xoán Rolo, galeguista quirogués e correspondente de diferentes medios galegos, moi amigo de Uxío Novoneyra, Manuel María ou Manuel Mariño.


