HomesociedadeMonforte presenta un completo programa de actividades para o 25N

Monforte presenta un completo programa de actividades para o 25N

Para conmemorar o "Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero", o Concello de Monforte organizará obradoiros educativos para Centros de Ensino, un curso de defensa persoal feminina e actividades escénicas e teatrais; tamén distribuirá pancartas e carteis da campaña; e o propio 25 de novembro promoverá a concentración e lectura de manifesto diante da Casa do Concello.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Concelleira de Muller e Igualdade no Concello de Monforte, Margarita López, acompañada da Tenente de Alcalde, Gloria Prada, presentou o pasado venres 14 de novembro a campaña de sensibilización “En negro contra as violencias” para conmemorara o 25N. Na súa intervención comentaba que “a violencia machista non pode ter cabida na nosa sociedade nin na democracia que queremos consolidar” e convidaba a toda a sociedade monfortina a participar nas actividades programadas para conmemorar esta data. Abondando no anterior sentenciaba que “erradicar a violencia de xénero e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obriga que precisa do compromiso de todas e todos os cidadáns, todos os días do ano”.

Dentro da campaña inclúense varias accións. Unha delas é a difusión a través de cartelaría específica e pancartas conmemorativas, colocadas na Casa do Concello e no Centro Cívico. Así mesmo, colocarase un vinilo no Bus Urbano do Concello para difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero e de chamamento a asistir á concentración que terá lugar na Praza do Concello o martes, 25 novembro.

OUTRAS ACTIVIDADES PROGRAMADAS

Desde o luns 10 e ata o venres 21 desenvólvense obradoiros educativos nos centros educativos o obradoiro “Machismo Game Over”, dirixido ao alumnado de 6º de Primaria, co que se pretenden revisar os roles de xénero e construír unha mirada coeducativa e igualitaria a favor do bo trato e contra a discriminación. As encargadas de levar a cabo esta actuación son Priscila Retamozo Ramos, formadora en igualdade e diversidade con alumando de todos os niveis educativos, profesorado, familias e entidades, e Cristina Louzán García, axente de igualdade especializada en teoría feminista e prevención da violencia contra as mulleres.

Os días 24, 26, 27 e 28 de novembro levarase a cabo o obradoiro “Desmontando a violencia machista. Pensa. Cuestiona. Responde”, dirixido ao alumnado de 4º ESO. A encargada de levar a cabo a actuación será a psicóloga sanitaria Paula Sánchez, especialista en igualdade e violencia de xénero.

O Centro Cívico acollerá os días 20 e 27 de novembro un curso de Defensa Persoal Feminina para dotar ás mulleres participantes de ferramentas para a súa defensa persoal e capacitalas para previr situacións de violencia de xénero. Esta actividade repite no programa dende hai uns anos pola boa acollida que sempre ten entre as mulleres e será impartido por Juan José Martínez.

A campaña inclúe tamén actividades escénicas para sensibilizar ao público. A primeira cita terá lugar o domingo, 23 de novembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura, co Concerto-Contacontos “Cambia o conto”, a cargo do trío Música Miúda. Neste espectáculo traballaranse os estereotipos de xénero a partir de contos tradicionais, adaptándoos e creando novos relatos cunha perspectiva non sexista.

No que respecta ao teatro, dúas serán as montaxes teatrais programadas especificamente para a ocasión. A primeira será o 27 de novembro ás 20:15 h. no Edificio Multiusos e chega da man da compañía Antagonista Teatro coa obra “Insubmisa”. A peza está escrita por Jose Vaquero e dirixida por Marta Alonso e Pepe Domínguez. O elenco está formado por Iria Sobrado, Jose Vaquero e Javier Octavio de Toledo. A segunda, xa para o 4 de decembro, á mesma hora e no mesmo lugar, será “Helen Keller, a muller marabilla?”, do Grupo Chévere, escrita e dirixida por Xron. No elenco artístico están Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez de Vallejo.

ACTOS CENTRAIS DO 25N

Será na Praza do Concello o 25 de novembro ás 12.00 horas e, como é habitual, consistirá na concentración e lectura do manifesto a cargo de Margarita López Rodríguez, Concelleira de Muller e Igualdade.

Posteriormente desenvolverase a performance “Semprevivas”, dirixida por Francisca Abeledo. A peza, segundo referiu a Concelleira, “rende homenaxe ás vítimas de violencia de xénero e a todas aquelas que están a sufrir violencias machistas”. A idea é enviar unha mensaxe clara de repulsa aos agresores e sensibilizar á sociedade monfortina sobre a necesidade de erradicar a violencia contra as mulleres sumando esforzos para un futuro en igualdade e libre de violencias.

A este acto central acudirá alumnado de Educación Primaria para facelo partícipe da conmemoración desta data, e tamén repartirase entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado co lema da campaña “Monforte  en Negro contra as violencias”.

ÚLTIMAS

Claudio, da cadea Gadisa, desembarca en Quiroga

O establecemento franquiciado, do grupo GADISA, ten unha sala de vendas de 400 m2,...

A estrada provincial que dá acceso ao lugar de Quinteliña, en Chantada, para a ser municipal

O presidente da Deputación destacou que con este acordo se dá resposta a unha...

A DGT estrea no Multiusos a aula informatizada para a realización dos exames teóricos de conducir

A instalación atópase no Edificio Multiusos e está equipada con 20 ordenadores de pantalla...

O PP pide no Senado rehabilitar os inmobles baleiros de Adif na provincia para ofrecer vivenda

Os senadores do PP pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro...