O Concello de Monforte de Lemos conmemorou o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha concentración e un acto simbólico na Praza do Concello no que foron nomeadas as 38 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano en España, incluidos os tres menores vítimas mortais tamén desta lacra.
O acto deu comezo ás 12.00 horas coa lectura do manifesto a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, que estivo acompañada por outros membros da Corporación Municipal, alumnos e alumnas de Primaria e persoal docente dos centros educativos de Monforte, e persoal do Concello.
Na súa intervención, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, amosou o “rexeitamento e condena unánime” á violencia machista: “Dende o Concello de Monforte somos conscientes da urxencia de erradicar unha violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade”, e lembrou ás 38 mulleres asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas, dúas delas en Galicia, e aos 3 menores vítimas mortais este ano en contextos de violencia de xénero, 65 dende 2003.
“Condenamos cada acto, a cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela”, reza o manifesto que recoñece tamén “o compromiso da cidadanía galega na loita contra a violencia machista”. A través desta lectura, a Concelleira de Muller e Igualdade animou a “actuar con unidade e rexeitar con firmeza os comportamentos violentos e a que os ampara”.
Trala lectura do manifesto, o acto continuou coa performance “Semprevivas”, dirixida por Francisca Abeledo, e onde cada vítima foi representada por unha muller monfortina co seu rostro cuberto e lembrada cunha flor sempreviva violeta entregada por un dos escolares que participaron no acto. As mulleres, coas súas flores, ocuparon as escaleiras de acceso á Casa do Concello dando visibilidade a todas as vítimas da violencia machista. A programación do 25N en Monforte rematará o 4 de decembro con teatro.
Concello de Chantada

Este martes, 25 de novembro, ás 12:00h a concelleira de Igualdade do Concello de Chantada, Pamela Fernández, leu diante da casa consistorial o manifiesto desta xornada. Na conmemoración estivo acompañada polo alcalde, Manuel Lorenzo Varela, persoal do CIM que desenvolveu a programación desta celebración, membros da corporación e distintos departamentos do Concello de Chantada.
A concelleira destacaba, “Enfrontámonos ademais a novos retos como o da violencia dixital: o acoso a mulleres en redes sociais, a gravación ou difusión de imaxes sen o seu consentimiento, ou os discursos de odio contra elas aproveitando o anonimato que proporcionan estas canles; que a miúdo dan acubillo a depredadores sexuais e maltratadores. Igualmente, debemos loitar contra o uso espurio da intelixencia artificial para xerar contidos vexatorios e falsos que vulneran a dignidade e os dereitos das mulleres”.
Como parte do escenario desta celebración, o equipo da área de Parques e Xardíns do Concello de Chantada colocou 38 plantas de cor violeta, unha por cada unha das mulleres asesinadas neste 2025. As plantas debuxan o 25N acompañadas dun lazo negro.
A ampla programación densenvolta nas últimas semanas pola concellaría de Igualdade para o 25N, pecharase este 28 de novembro no Auditorio Municipal de Chantada. Desde as 18:30h terá lugar a charla “(Con)vivir o Climaterio, máis aló da menopausia”.

Concello de Quiroga
O Concello de Quiroga convocaba esta mañá unha concentración diante da casa consistorial con motivo da conmemoración do día contra a violencia machista.
Maite Pérez Grao, Concelleira de Igualdade, Educación e Infancia, amparada polo alcalde, José Luís Rivera, e por membros do Grupo de Goberno, foi a encargada da lectura dun manifesto que tiña por finalidade dar voz ás mulleres.
Alzábase a voz para pedir que os recursos e profesionais sexan suficientes para os procesos de recuperación e reparación, unha maior sensibilización dunha comunidade internacional que condene e poña fin a todo tipo de violencia contra a muller e que se xeren políticas e xustiza con perspectiva de xénero. Tras a lectura do manifesto, facíase entrega de diverso material alusivo a esta data.

Para rematar as actividades relacionadas con esta conmemoración, o Centro de Información á Muller de Quiroga organizou, para este mércores, 26 de novembro ás cinco da tarde na Casa da Cultura, un “Círculo de Benestar” a cargo de Paula Santos, educadora social. Esta actividade gratuíta e dirixida ás mulleres maiores de idade, precisa de inscrición previa no CIM ou a través do seu teléfono 982.43.89.51.


