Chantada quere Sanidade denuncia que “a falta de previsión e unha xestión deficiente por parte das administracións deixan unha vez máis á veciñanza desasistida, mentres os profesionais soportan unha presión laboral extrema e os usuarios padecen demoras intolerábeis”.
Segundo a plataforma isto compróbase na axenda de citas, cando se abre o calendario de reserva dalgúns facultativos os tempos de espera chegan ata os 20 días, “deixando aos doentes sen ferramentas para resolver problemas de saúde que a atención primaria debería solucionar nun prazo breve”.
Apuntan como factores principais desta crise, a non cobertura das baixas e das vacacións do persoal médico, “As ausencias cúbrense de xeito alterno con profesionais alleos ao centro, sen continuidade asistencial e sen asumir tarefas esenciais como a atención domiciliaria. Isto provoca que moitos pacientes fiquen sen atención ou que recaia unha carga desproporcionada sobre os poucos profesionais fixos dispoñíbeis.
A esta situación estrutural engaden o aumento estacional de patoloxías respiratorias, “que previsibelmente acabará saturando tanto a atención primaria canto as urxencias hospitalarias”.
Lembra a plataforma que o servizo HADO segue sen ofrecerse na comarca, a pesar dos anuncios da Xunta, “A situación reflíctese no día a día do centro, onde se vive un ambiente de incerteza permanente. O persoal non sabe como programar as citas para atender toda a demanda, os médicos non poden garantir unha atención en tempo e forma, e moitos usuarios non saben onde acudir. O pasado venres 28, un paciente que non lograba conseguir cita pediu axuda ao seu médico no corredor. A resposta do profesional foi clara e dolorosamente ilustrativa: “Estamos dous de sete. Perdoa, pero non podo facer máis… e agora vou a un domicilio. Non te podo atender.”
Chantada quere Sanidade é unha plataforma veciñal creada en Chantada que agrupa persooas en defensa e mellora da sanidade pública en Chantada e Carballedo, así como na área sanitaria correspondente e no conxunto de Galicia.

