HomesociedadeA Pobra do Brollón apura o concurso de petiscos mentres espera unha...

A Pobra do Brollón apura o concurso de petiscos mentres espera unha gran xornada de Cantos de Taberna

Este venres, 5 de decembro, é o derradeiro día para degustar as tapas do concurso deste 2025 e o sábado 6 encherán de música tradicional os bares da vila dez formacións chegadas de diferentes puntos do sur de Lugo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Pobra do Brollón espera vivir este sábado 6 de decembro outra das súas grandes xornadas de Cantos de Taberna. Este ano alcánzase a XIII edición e participarán dez agrupacións tradicionais procedentes tanto da Pobra do Brollón como doutros municipios da contorna.

Todos os grupos pasarán ao longo do serán por cinco bares do núcleo urbano: Avenida, Bar Pirata, Primeiro de Maio e Vella Taberna na Pobra do Brollón; ao que se suma A Salanova, na aldea de Salcedo. O circuíto rematará arredor das dez da noite, aínda que, como noutros anos, haberá festa rachada e foliada ata entrada a madrugada.

As agrupacións locais participantes son Cantareiras de Fornelas, Os Corenta e Chinco, Os Somontanos e a Escola de Música Samoeiro. De fóra do concello participan Os Bochetas do Sil (Sober), Os Ministreles (Monforte), Os Parrandas (O Barco de Valdeorras), Os Tarabelos (O Saviñao), Son do Mao (Bóveda) e Triskeles (Monforte).

ÚLTIMOS DÍAS DO CONCURSO DE TAPAS

Dende o Concello da Pobra do Brollón lembran que o Concurso de Tapas da Guimaralia remata este venres 5 de decembro.

Participan no concurso cinco locais: Avenida, A Vella Taberna, Primeiro de Maio, O Pirata e A Salanova, este último establecemento en Salcedo; e as tapas ofrécense ao prezo de 1,50€. Pódense probar en horario de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 22:00 horas.

Unha das tapas a concurso. Foto: Concello a Pobra do Brollón.

Os pinchos foron catados previamente polos cociñeiros profesionais Diego Martínez e Martín Mantilla co obxectivo de garantir unha calidade mínima dos petiscos a concurso.

Como en edicións anteriores, a elección do primeiro, segundo e terceiro premio será por votación popular. Cada votante debe marcar a súa tapa favorita nunha tarxeta de voto debidamente selada por todos os bares participantes, entrando así nun sorteo dun circuíto termal para dúas persoas no Hotel Balneario Iberik Augas Santas de Ferreira de Pantón.

Tarxetas para votación das tapas. Foto: Concello da Pobra do Brollón.

ÚLTIMAS

Un incendio corta a circulación ferroviaria entre Monforte e León

A circulación ferroviaria atópase interrompida entre Folgoso e La Granja  por unha avaría derivada...

Tres menores investigados en Sarria por furtos en dous comercios

A Garda Civil investiga na localidade lucense de Sarria a tres menores de idade...

Así se presenta a programación deste Nadal en Monforte

A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de...

Unha trintena de persoas fórmanse no sector vitivinícola grazas a un curso organizado pola APEHL

A acción formativa estivo impartida polo Instituto Galego do Viño. O seu director, Xoán...