Sergio Alba, de xira neste 2025 co seu espectáculo de humor “Dous rombos… Pasa para a cama”, estará o domingo 21 de decembro no Centro Sociocultural de Sober. A actuación está programada para as 19:00 h. e conta coa produción de Fetén e o copatrocinio do Concello de Sober. As entradas anticipadas teñen un prezo de 5 € e as que se collan na billeteira o mesmo día 6 €.
O protagonista, facendo un xogo de palabras, anticipa a aqueles que aínda non coñecen esta proposta artística que gozarán “dun show no que o pasado, estará moi presente”.
“É inevitable, co paso dos anos, botar a vista atrás e reconfortarse na felicidade vivida nas nosas idades máis tempranas. Pero, o certo é que ademais de fermosas lembranzas, hai tamén moitas cousas das que quizais non nos sentimos demasiado orgullosos, e que sempre é mellor enfocar desde o punto de vista do humor”, comenta Sergio.
O espectáculo, unha homenaxe en vivo e con moitas referencias aos anos 70-80-90, fai revivir aqueles anos nos que, en palabras do protagonista “nos mandaban para a cama, poñendo dous rombos na pantalla do televisor. Unha época na que pasamos do branco e negro á cor, sen darnos apenas conta, e que foi abrindo paso pouco a pouco a unha nova forma de ver e vivir a realidade”.
A educación, os xogos, a forma de vestir e, sobretodo a televisión, son referencia obrigada do artista para fiar un espectáculo que emociona e fai rir. A posta en escena está moi traballada e o monólogo enriquécese coa interpretación de temas tuneados a partir de cancións míticas que no seu tempo estiveron en boca de todas e todos…

ACTUACIÓN DE SERGIO ALBA EN TABOADA
Antes da proposta comentada, Sergio Alba ofrecerá na tarde do sábado 13 de decembro un concerto acústico no Patio Scala de Taboada. Esta actuación leva por título “Tributo a Cantautores” e nela repasará melodías e letras, propias e alleas. A cita será ás 19:30 horas, e xa se pode reservar mesa no local.


