HomeEn profundidadeRibas de Sil homenaxea a Javier Rodríguez Sotuela, coñecido como 'o cura...

Ribas de Sil homenaxea a Javier Rodríguez Sotuela, coñecido como ‘o cura de Matarrosa’

Será este domingo 7 de decembro, ás 18:00 horas, no salón de actos da Casa do Concello. Como crego defendeu a liberdade na zona mineira berciana durante o franquismo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Javier Rodríguez Sotuela, coñecido como ‘o cura de Matarrosa’, defendeu con valentía durante a ditadura os valores da democracia en diferentes parroquias da diocese de Astorga. Hoxe, secularizado e con 92 anos, reparte os meses entre Barcelona, coa súa familia (Isolina, a súa muller, Javier, o seu fillo, e a súa neta Sira), e o seu lugar de nacemento en outubro de 1933, San Pedro, a un quilómetro de San Clodio. En Ponferrada pasou os primeiros anos da vida, con visitas frecuentes a San Clodio.

Este domingo, nun acto organizado polo Concello de Ribas de Sil que homenaxeará o seu compromiso coa democracia e a xustiza, presentarase a película Camino Negro, baseada na novela do mesmo nome, onde o personaxe de Javier xoga un papel protagonista e aparece referida na carátula e no cartel do filme. Logo de visualizar a película, Javier compartirá cos veciños e veciñas algunhas das súas historias en momentos difíciles, aínda á espera da transición democrática. Ao remate, o protagonista recibirá un recoñecemento institucional do concello.

Javier estará acompañado da autora da novela Camino Negro, María Luisa Picado, o director da película, Luisje Moyano, e os alcaldes de Ribas de Sil, Roberto Castro, e de Toreno –concello ao que pertence Matarrosa–, Vicente Mirón.

CAMINO NEGRO, A PELÍCULA

O filme, distribuído por CityBlue Films está baseado na novela de temática mineira de María Luisa Picado. A trama céntrase na vida dos traballadores das minas leonesas e nas súas loitas persoais e laborais. Recrea como era a vida nos anos sesenta e setenta en concas marcadas polo boom do carbón e aborda as dificultades e desafíos aos que se enfrontan os mineiros no seu día a día, destacando temas de resistencia e solidariedade. Javier Rodríguez Sotuela é un dos protagonistas da historia.

MATARROSA DEL SIL

Os anos de Matarrosa, como párroco desde 1961, foron centrais na súa vida e aparecen reflectidos no filme que se proxecta este domingo. Anos de loita e defensa dos valores de liberdade, xustiza e cultura democrática, que están presentes no Evanxeo pero ausentes naqueles tempos. Foi catalizador de mobilizacións que despuntaron nas concas tras a folga de 1962 en pleno franquismo e avisado moitas veces de captura inmediata por desafiar ao réxime cos valores ditos. Sempre contou cunha defensa férrea dos fregueses que o arroupaban e protexían. O obispado tamén o respectaba. O Concello de Toreno concedeu a súa máxima distinción, a “Picota de Prata”, a Javier Rodríguez.

A MÚSICA E O DEBUXO

Javier aínda pasa horas tocando a guitarra. Unha das súas paixóns é a música, como cantautor cos cantos da mina, onde o Evanxeo tamén xoga un papel central. “Y por eso lo mataron”“Ya vienen los segadores” son cancións destacadas da súa obra. Amancio Prada, co que mantén contacto periódico, axudou a Javier a preparar o seu primeiro recital en Valladolid. Coñecéronse formando parte dun grupo de cantautores bercianos. Xa teñen cantado xuntos. Nas cancións, Rodríguez Sotuela procura, mediado pola música, o Reino de Deus e a xustiza, e dar un rostro máis humano de Xesús de Nazaret.

Outra das súas paixóns é o debuxo, chegando a ser docente de artes plásticas no seminario. Fixo caricatura e plumilla, quedando poucos recunchos de San Clodio e San Pedro sen plasmar na súa obra, legado que desexa doar ao Concello de Ribas de Sil. Na entrada da Casa do Concello están varias das súas obras e algunhas son utilizadas con frecuencia pola área de cultura para difundir determinadas accións.

Na actualidade, a vista non lle permite debuxar pero si revisar con agarimo cada recanto que plasmou; algúns inalterados como a ponte vella, e outros xa modificados.

Javier tocando a guitarra. Foto cedida.
A SÚA RELACIÓN CO EVANXEO

Con 13 anos comezou a ler en profundidade o Evanxeo e de aí naceu a súa vocación por ser sacerdote. Crítico desde o inicio, inquedábase pola enorme contradición entre o que o Evanxeo dicía e o que vivía a sociedade e a propia Igrexa.

Quería ser dominico e dedicarse a ser misioneiro pero ao final, co apoio de don Paciano, crego de San Clodio, entrou no seminario diocesano de Astorga con 15 anos. Foi ordenado crego en Astorga polo bispo José Castelltort Soubeyre. Cantou a súa primeira misa na igrexa de San Clodio o 22 de xuño de 1958.

Aínda que se referían a el como o “cura vermello”, el prefire indicar que simplemente facía o que tiña que facer: vivir e ensinar a vivir en consonancia co que di o Evanxeo de Cristo.

Foi coadxutor en Dragonte (Corullón) para iniciar a súa vida pastoral. As febres de Malta levárono a Fabero, tamén como coadxutor; de aí pasou ao Barco de Valdeorras e, finalmente, chegou como párroco a Matarrosa del Sil. Foi secularizado polo papa Paulo VI en 1974.

Pensa que o celibato debe ser opcional e que, de ser así, moi probablemente seguiría exercendo o sacerdocio, do que nunca renegou. Con distintos sacerdotes ao longo dos anos, de mente máis aberta, celebrou e concelebrou misas. “O sacramento da orde sacerdotal imprime carácter, polo que para a Igrexa un non deixa de ser sacerdote tras a secularización”; así o considera Javier que di seguir sentíndose crego e, sobre todo, cristiá.

ÚLTIMAS

Os traxes tradicionais do Entroido de Budián abrirán o Desfile do 21 de febreiro en Pantón

Este ano serán os traxes tradicionais do Entroido de Budián os que abran o...

A ANPA do CEIP de Sober protesta pola “discriminación educativa” que padecen

A ANPA do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober protesta para manifestar a...

Samos acolleu a cuarta edición das Xornadas sobre actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña

A alcaldesa de Samos, Chus López, e a presidenta da SGPF, Isabel Gómez, abriron...

O CCU de Monforte sen candidaturas para renovar a Xunta Directiva

O Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte de Lemos vén de comunicar que, rematado...