HomeMedio ambiente e PatrimonioO Faro, o punto máis visible de Galicia

O Faro, o punto máis visible de Galicia

O pico máis alto da serra do Faro, entre os concellos de Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), está a 1.182 metros de altitude e a ciencia confirma que se trata do cumio máis visible de Galicia.

Publicado o

- Advertisement -

Desde o cumio do monte Faro pódense ver as catro provincias galegas, entenderíase que tamén é á inversa, desde todos eses territorios veríase o Faro. O científico César Parcero do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), foi máis aló e fixo un cálculo a partir da análise de 740.000 puntos (un cada 200 metros) de toda a xeografía galega, o obxectivo, ver cal é o punto máis visible de Galicia.

Parcero explica así o procedemento seguido, “bastaría con ir percorrendo toda Galicia e apuntar que lugares podemos ver desde cada sitio e, á fin, comprobar cal é o punto que puidemos ver máis veces. Dito así é sinxelo, pero facelo xa é outro conto. Por sorte, os ordenadores permítennos facer cousas deste tipo de xeito máis ou menos doado. E iso foi o que fixen: colocar un punto sobre o mapa de Galicia cada 200 metros, pedirlle ó ordenador que calculase que se podería ver dende cada un deses puntos, e que sumase o resultado final.
O que obtemos é un mapa que se chama “total viewshed”, no que podemos pinchar para ver desde canta superficie do resto de Galicia se pode ver cada lugar.” A gama de cores do mapa así o expón. (Facebook de Parcero)

Mapa César Parcero

O resultado é o Monte do Faro. Hai cumios máis altos como Trevinca ou Mazaneda, pero a posición central do Faro fai que se poida ver desde todas as direccións arredor e é, polo tanto, o lugar que máis puntos suma ao final do traballo de Parcero.

O investigador considera que este tipo de estudos complementan o traballo arqueolóxico e explica que, históricamente, os monumentos e poboados se construían en lugares que foran visibles na contorna para controlar mellor o territorio. E aí está o caso do Faro, lugar de peregrinaxe cunha ermida do século XVII na honra á Virxe do Faro. Pero coñécese que existiu un templo anterior, posiblemente románico, contruido sobre outro, presumiblemente, de orixe pagana.

Cada 8 de setembro celébrase, aquí, a tradicional romaría da Nosa Señora do Faro, é punto importante do Camiño de Inverno a Santiago e, por exemplo,  nos 90 era o lugar escollido polo PP para as súas romarías.

O Faro, no centro de Galicia, o lugar máis visible da comunidade, … e o menos visible? Segundo os cálculos de Parcero, cabo Touriñán, en Muxía, tamén o punto máis occidental.

Nosa Señora do Faro / pilgrim.es

ÚLTIMAS

Atopan un ciclista falecido en Monforte

Un ciclista ao que buscaban desde este xoves apareceu falecido nunha pista forestal do...

Dobre cita cultural este 13 de xuño na Casa da Cultura de Chantada

Este venres, 13 de xuño, ás 19:00h, inaugúrase na Casa da Cultura de Chantada...

Consultores da Unesco visitarán en outubro a Ribeira Sacra no tramo final da candidatura a Patrimonio Mundial

"Estamos convencidos do valor deste territorio e, por iso, confiamos en que alcance o...

Caurel Vivo alerta das enfermidades que afectan aos castiñeiros e critica a inacción da Xunta

Desde Caurel Vivo aseguran que, como noutras moitas zonas de Galicia, no Courel o...