O acordo plenario é un dos requisitos necesarios para formalizar o traspaso dos servizos e medios persoais e materiais prestados pola UAD ao Sergas. Este traspaso resolve unha demanda histórica dos municipios de Monforte de Lemos, Burela, Cangas, Carballo, Vigo, Noia, O Grove, Ourense, Pontevedra, Porriño, Ribeira, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa, que prestaban asistencia ás drogodependencias, “sendo esta materia sanitaria competencia da Xunta de Galicia”.
No caso de Monforte, esta unidade de titularidade municipal presta atención tamén a outros concellos do sur da provincia e mesmo da provincia de Ourense. Concretamente, na provincia de Lugo son os municipios de Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, Pantón (agás Pombeiro e Atán que pertencen á UAD de Ourense), A Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e as parroquias de Castelo, Cuvela e Noceda do Concello de O Inicio.
Na provincia de Ourense: O Barco, O Bolo, Carballeda (agás as parroquias de Temes, Oleiros e San Xoán da Coba que pertencen á UAD de Ourense), Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e A Veiga.
Continuidade e estabilidade do servizo
O alcalde, José Tomé, explica que a integración no Sergas da UAD “asegura a continuidade e estabilidade do servizo”. A proposta que se somete a votación contempla o traspaso tanto dos servizos que presta actualmente esta unidade asistencial, como dos medios persoais e do equipamento. No caso do Concello de Monforte, a UAD conta con catro traballadores que son persoal laboral fixo (directora-enfermeira, educadora, traballadora social e un auxiliar administrativo) e unha psicóloga interina. O traspaso inclúe tamén os postos de traballo vacantes, que son tres: psiquiatra, monitor de tempo libre e psicóloga.
No referente ao inmoble no que se atopan as instalacións da UAD, na Praza da Estación, o local é propiedade de ADIF e foi alugado polo Concello de Monforte. Neste caso, o traspaso inclúe tamén a cesión do contrato de arrendamento asinado en xaneiro de 2017, sendo o Sergas o encargado das xestións co ADIF.

