Monforte de Lemos acollerá este Nadal a segunda edición da Calasancio Cup, un torneo que reunirá na cidade a equipos de máximo nivel no fútbol infantil sub-14 do noroeste peninsular. A competición presentárona esta semana, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e o presidente do CP Calasancio de Monforte, Juan Carlos Díaz.
A II Calasancio Cup celebrarase nos campos de fútbol Álex Blanco, Luis Bodegas e A Pinguela, “cun cartel competitivo de moito nivel e, polo tanto, unha oportunidade tamén para o público afeccionado ao deporte base, que poderá desfrutar dun torneo esixente e educativo”, apuntou Gloria Prada. “Un orgullo para Monforte”, destacou a Tenente de Alcalde, ademais, dunha excelente oportunidade a nivel de visibilidade, proxección e dinamización da actividade económica da cidade”.
A fase previa celebrarase o 27 de decembro nas instalacións Álex Blanco coa participación de 12 equipos sub-14 que suman arredor de 250 deportistas. Nesta fase, os doce conxuntos competirán por unha única praza clasificatoria para o cadro final, nun formato que asegura intensidade, igualdade e emoción desde o primeiro partido.
O equipo que resulte campión obterá o billete para a fase final, na que terá a oportunidade de medirse con algunha das mellores canteiras de Galicia, Asturias, Castilla y León e Norte de Portugal, un auténtico desafío para clubs e deportistas en pleno crecemento deportivo.
Os equipos participantes desta fase previa son os seguintes: CP Calasancio B, ED Calasancio, ED Val Miñor B, CD Calasanz B, CA Arteixo, Pabellón Promesas, ADC Sagrado Corazón, Rayo 21 CF, Ural CF B, EF Lalín, EDC Barbadás e AD Piringalla.
A fase final, escaparate do talento sub-14
O campión da fase previa terá a oportunidade de enfrontarse ás mellores canteiras do noroeste peninsular na fase final, na que competirán un total de 20 equipos. Esta fase celebrarase nas instalacións Álex Blanco, Luis Bodegas e A Pinguela o 3 de xaneiro e concentrará en Monforte a 500 deportistas e técnicos. “Tendo en conta que a maioría dos xogadores soen vir acompañados de algún familiar, falamos de máis de mil persoas en Monforte”, incidiu Juan Carlos Díaz, destacando a capacidade deste evento deportivo de atraer entidades, xogadores e familias de diferentes rexións.
O presidente do CP Calasancio avanzou que a fase final “reunirá ás mellores canteiras galegas xunto con invitados de Portugal, Asturias e Castilla y León, conformando un cartel único que sitúa o torneo entre os máis prestixiosos do fútbol base sub-14”.

