HomePolíticaIGV esixe á Consellería de Medio Ambiente investigar unha vertedura na parroquia...

IGV esixe á Consellería de Medio Ambiente investigar unha vertedura na parroquia soberina de Neiras

Agroma Sober, a agrupación local de Interior Galego Vivo, insta á Consellería de Medio Ambiente a exercer as súas competencias e vixiar e sancionar, de ser o caso, unha vertedura na parroquia de Neiras, Concello de Sober.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Segundo Agroma Sober, dende o 10 de decembro do presente 2025, veciñanza de Neiras detectou o paso de camións e palas con material de escombro cara a zona de “A Graveira”, un espazo onde se situou unha canteira de area, inactiva dende hai anos, no monte de Neiras.

Entre o 10 e o 16 de decembro chegan unha media de 5 camións diarios con material procedente de escombros de obras, que se deposita, con operacións levadas a cabo cunha pala excavadora, nunha pequena lagoa á beira do camiño de acceso ao monte de Neiras.

Interior Galego Vivo denuncia que entre o material que se traslada e se deposita nesta zona, “a simple vista, non só residuos inertes, senón tamén materiais como ferros, tubos de bombonas de butano, restos de canalóns, restos de roupa e plásticos. Esta actividade supón o recheo dunha zona lacustre que provocou, coas choivas recentes, que a auga vaia manchada cara a canle de regadío e cara os cursos de auga”.

Interior Galego Vivo puxo os feitos en coñecemento de SEPRONA, da Confederación Hidrográfico Miño-Sil, do Concello de Sober e da Consellería de Medio Ambiente, que é a “competente para a autorización e rexistro das actividades de produción e xestión de residuos, con función de vixiancia, inspección e control, así como potestade sancionadora no relativo a solos contaminados”.

Lembran que se a actuación fora un proceso de “rexeneración” debería contar con autorización da Consellería, “e non semella tal, pois non se enterrou o material, senón que se botou nunha lagoa, co cal o lixiviado trasládase á canle de regadío e aos cursos fluviais”. Polo que esixen á Consellería que actúe e sancione, de ser o caso, así como que realice analíticas de auga e solo”.

“As aldeas non poden converterse en vertedoiros nos cales as empresas, aproveitando o despoboamento, aforren trámites medioambientais esixidos. Nun Concello bandeira verde de Galicia e nun territorio que a Xunta quere promocionar a Patrimonio Mundial fallan os alicerces cando apenas hai control sobre a contaminación das augas” – sinala Paula Vázquez Verao, voceira de Interior Galego Vivo en Sober.

Vertedura Neiras / IGV

ÚLTIMAS

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...